O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, dixo que “ao igual que na campaña anterior, a compra e uso da moeda será totalmente dixital, a través dun moedeiro, o Panchapeto, que se poderá adquirir na páxina web www.pancharibadeo.com, onde tamén se atopa toda a información sobre a campaña, sobre as condicións e sobre os establecementos participantes”.
O edil nacionalista subliñou que “nesta cuarta edición incrementarase o valor do aforro total, que pasa de 70 a 100 euros por persoa. Poderanse ir mercando Panchas en fraccións de 30 euros ata un máximo de 300, que se poderán canxear por 400 Panchas. Tamén se incrementa o número de Panchas permitido por operación, que pasa de 80 a 130. En caso de ser unha compra por un importe superior, a cantidade restante ata o total deberá abonarse en euros”.
Vizoso Galdo indicou que “o Concello realiza unha forte inversión, tanto desde o punto de vista económico como de persoal, para esta campaña que sitúa a Ribadeo como referente nacional, que dinamiza as nosas rúas e que supón unha gran axuda para todas as persoas participantes, especialmente neste contexto económico de alza de prezos”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local contou que “nesta ocasión o Concello fixo un investimento de mais de 85.000 euros de fondos públicos, o que se traduce en 200.000 Panchas que se gastarán en Ribadeo durante o período da campaña e que suporán un retorno económico moi superior, ao igual que ocorreu nas outras edicións”.
Pablo Vizoso seguiu a relatar que “desde o Concello ponse a disposición de todas as persoas que o precisen a axuda por parte da Área de Desenvolvemento Local ou das oficinas de Acisa, que actúa como entidade colaboradora, para asesorar e axudar a todas as persoas que teñan algunha dúbida, algunha incidencia ou algunha consulta relacionada co seu Panchapeto ou coa operativa da campaña”.
O edil ribadense anima “á toda a poboación de Ribadeo e dos concellos dos arredores, do resto da provincia e do Occidente de Asturias, a participar nesta iniciativa pioneira e que leva xa tres anos dando tantos éxitos e con tan boa acollida na nosa vila”.
Vizoso asegurou que “con esta iniciativa todas as persoas nos beneficiamos, tanto os establecementos participantes como as persoas consumidoras, porque podemos acadar un aforro nas compras de ata 100 euros, ademais de contribuír a fomentar o comercio de proximidade e a dinamizar e desenvolver o noso Ribadeo”.
A cuarta campaña das Panchas foi presentada esta mañá. Ao acto asistiron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, así como unha representación dos establecementos participantes e de Acisa Ribadeo.