O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que “tras o descanso estival volve outra vez o programa de actividades ás nosas parroquias. Toda a programación deseñada está dirixidas aos veciños e veciñas que queiran participar e sexan maiores de idade e a todas aquelas persoas que queiran compartir un tempo de lecer”.
O rexedor lembrou que “as actividades das Parroquias en marcha van ser diversas como de memoria, obradoiros de novas tecnoloxías, cociña, tertulias, xogos de mesa e sobre todo moita parola. Haberá tamén saídas e teatro, que creo que é unha boa maneira de desconectar e ser nós mesmos”.
Suárez Barcia explicou que “as actividades vanse facer nas diferentes parroquias do noso concello, tanto do interior como da costa. Son totalmente gratuítas e vanse desenvolver do 15 de setembro ao 15 de decembro. Os que xa acudiron antes do verán xa saben como son os procedementos e aqueloutras persoas que queiran asistir agora teñen que chamar ao teléfono da Casa da Xuventude que é o 982 129 889”.
As parroquias en marcha chegará os luns a Vilela e Remourelle, os martes a Cinxe e Vilaselán, os mércores a Rinlo e Ribadeo, os xoves ás Anzas e os venres a Vilaframili, Covelas e Santalla.
O alcalde anima “a asistir a estas actividades que o que perseguen é facilitar as relacións entre os nosos veciños e veciñas, poder gozar daquilo que máis lles gusta, ademais de poñer en valor os nosos locais das parroquias para facelos activos”.