Ribadeo, 13 de setembro de 2022. O Concello organiza a cuarta edición da campaña da Pancha, a moeda local ribadense, que supón unha forte inversión económica para dinamizar o sector do comercio, hostalaría e algúns servizos da vila, durante os meses de outubro, novembro e decembro.
Nesta cuarta edición, ao igual que na campaña anterior, a compra e uso da moeda será totalmente dixital, a través dun moedeiro, o Panchapeto.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explicou que “o feito de poder realizar todas as operacións co teléfono móbil simplifica e mellora o uso da nosa moeda local. Deste xeito, as persoas usuarias non terán que acudir á sucursal bancaria para levar a cabo ningunha xestión, sendo suficiente contar cun teléfono móbil smartphone, dende onde poderán facer todo o proceso de compra de panchas, de pago nos establecementos e de cobro. O sistema de pagos e cobros realizarase a través dun código QR”.
Vizoso Galdo indicou que “no caso de que algunha persoa teña dúbidas ou problemas á hora de facer os trámites o Concello, a través do departamento de ADL, ponse a disposición para axudar no que precisen. Ademais nesta edición contaremos tamén coa colaboración de Acisa Ribadeo, que prestará asesoramento tanto aos establecementos participantes, sexan asociados ou non, como aos compradores”.
O edil ribadense subliñou que “se manterán as características da Pancha doutros anos, como a compra en packs de 30 euros, polo que se recibirán 40 panchas, cun valor nominal de 40 euros, pero increméntase o número de Panchas que se poden obter, pasando de 280 a 400 e tamén se incrementa o límite de Panchas por compra, que pasa de 80 a 130. A partir desa cantidade, a diferenza deberá abonarse en euros”.
Pablo Vizoso anunciou que “o prazo de adhesión para os establecementos estará aberto dende este xoves, 15 de setembro, ata o 27 deste mes e os requisitos para poder adherirse son ter un establecemento aberto en Ribadeo de xeito permanente, ser unha persoa autónoma, micro peme ou empresa. Dentro dos epígrafes obxecto da subvención inclúese o comercio polo miúdo, restaurantes, cafeterías, perruquerías e outros servizos como taxis e cine. O proceso será a través do móbil na páxina web www.pancharibadeo.com, que estará activa dende o xoves e onde tamén se pode consultar máis información sobre os epígrafes recollidos”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local engadiu que “para as persoas que desexen mercar Panchas, o prazo de compra e disfrute da nosa moeda local irá dende o día 1 de outubro ata o 31 de decembro ou ata esgotar o crédito, se isto ocorrese antes”.
Vizoso Galdo anima á veciñanza a participar na cuarta edición da Pancha, a moeda local de Ribadeo: “queremos animar á poboación de Ribadeo e arredores a participar nesta iniciativa pioneira, que leva tres anos tendo moi boa acollida, posto que tanto os establecementos como as persoas compradoras gozan da vantaxe de empregar a Pancha para facer as súas compras. Consideramos que é unha axuda importante tanto para compradores como para comerciantes nesta etapa do ano na que ademais nos vemos afectados polo incremento do custe da vida e, polo tanto, tamén esta acción é unha axuda para as economías familiares xa que supón un aumento da capacidade de compra de 10 euros por cada 30”.