Viveiro, 29 de setembro de 2022. O Concello de Viveiro está presente dende hoxe, 29 de setembro, en Termatalia, a Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar. A Feira, que se clausura mañá venres, permite posicionar ao municipio como un destino turístico de descanso e natureza.
Por primeira vez, Viveiro conta cun stand propio na feira, que lle permite impulsar o seu programa de promoción turística. O Concello de Viveiro busca desestacionalizar a chegada de visitantes, co obxectivo de promocionar os atractivos do municipio nas distintas épocas do ano.
“Esta feira permítenos posicionar Viveiro como un destino relevante para os touroperadores. O noso municipio gaña valor, sumando ao habitual turismo de verán, unha oportunidade de turismo de saúde, sendeirismo e natureza”, sinala Marisol Rey, concelleira de Turismo. A edil reuniuse nesta primeira xornada con varios touroperadores internacionais, entre eles Travel Connections, Weekendesk ou Juren&Wellness.
Nestas dúas xornadas, o Concello de Viveiro reunirase con touroperadores de Estados Unidos, Francia, Italia, Alemania, Portugal, Irlanda e Reino Unido, ampliando así o turismo estranxeiro. En Termatalia participan 25 países, posicionada como a principal feira de turismo de saúde.
“A nosa vila xa conta cunha importante notoriedade como destino turístico no verán, por iso agora nos esforzamos en atraer visitantes noutras épocas, para que gocen do paisaxe, descanso, gastronomía e patrimonio cultural e natural.”, engade a alcaldesa, María Loureiro.