Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro celebra o I Día da Rede Europea de Celebracións de Semana Santa os próximos 1 e 2 de outubro

A cita propón varias actividades de balde sobre a Semana Santa e un concurso de debuxo infantil

Viveiro, 20 de setembro de 2022. O Concello de Viveiro súmase á celebración do I Día da Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua, programado para os próximos 1 e 2 de outubro.

A iniciativa está organizada pola propia Rede Europea, da que Viveiro forma parte. A cita nace con carácter anual para dar a coñecer os valores culturais tanxibles e intanxibles da Semana Santa, fóra da súa época de celebración, ademais de ofrecer unha oferta turística e cultural para a poboación local e visitante.

Durante os días en que terá lugar, cada localidade membro da Rede organiza actividades que se desenvolverán de forma simultánea en todos os lugares adheridos á mesma. En total, celébranse nas distintas cidades máis dunha trintena de actividades.

Concretamente, Viveiro acollerá os días 1 e 2 de outubro unha exposición sobre a Semana Santa de Viveiro, con entrada de balde na Igrexa de San Francisco en horario de 10.00 a 22.00.

Tamén ambos días, e no mesmo horario, organizarase unha xornada de portas abertas ao claustro de San Francisco e á sede da Confraría do Santísimo Cristo da Piedade. A entrada tamén é de balde.

O sábado 1 de outubro, ás 20.30, celebrarse un concerto de marchas procesionais, con entrada gratuíta, nos claustros da Igrexa de San Francisco. Por último, durante toda a fin de semana será posible visitar a exposición de indumentaria e unha proxección de vídeos da Semana Santa de Viveiro na súa oficina de turismo.

O programa completo de actividades está dispoñible en: https://www.holyweekeurope.com/wp-content/uploads/2022/09/Programa-deactividades.pdf

Concurso de Debuxo Infantil
Con motivo do Día da Rede, tamén levará a cabo un Concurso Infantil de Debuxo. A iniciativa busca dar a coñecer como os nenos e nenas de diferentes puntos de Europa viven esta festa, así como as similitudes e particularidades destas tradicións nos distintos lugares.

Poden participar nenos de entre 7 e 12 anos, tanto individualmente como de maneira colectiva, e o prazo para a presentación de traballos permanecerá aberto ata o próximo 30 de setembro. O fallo do xurado coñecerase entre os días 10 e 14 de outubro, con premios de material escolar para os gañadores.

Ademais, crearase unha galería virtual, na páxina web da Rede Europea, onde se poderán contemplar todas as obras participantes. As bases pódense consultar en: https://www.holyweekeurope.com/wp-content/uploads/2022/09/Bases.pdf

Exit mobile version