Site icon Crónica3.com A Mariña

Tras pasar por As Anzas, Argadelo chegará en outubro á escola de Vilaselán

Ribadeo, 14 de setembro de 2022. Argadelo, as voltas da música ao teatro volveu hai uns días na Escola das Anzas. Este obradoiro, enmarcado no ciclo Cultura nas Parroquias, chegará esta tempada tamén a Vilaselán.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, lembrou que “Argadelo comezou a súa andaina o pasado mes de maio. Trátase dun proxecto do Concello de Ribadeo en colaboración co músico e actor focego Manolo Vázquez, Mano Panforreteiro”.

Otero Cabarcos dixo que “Argadelo non é só música, teatro ou acción. É un xeito de xuntar persoas de todas as idades arredor dunha idea común, comunitaria, de verse unha vez por semana e crear cultura tendo como espazo a aldea. Comezamos en maio nas Anzas, un lugar dos máis dinámicos de Ribadeo, onde logramos reunir a unha quincena de persoas arredor de Argadelo. Descansamos en agosto e volvemos con máis folgos o pasado 5 de setembro”. Na Escola das Anzas é todos os luns entre as 19:30 e as 21:00 horas.

A edil ribadense subliñou que “como xa adiantamos no seu día o noso obxectivo era espallar o Argadelo a outras parroquias de Ribadeo. E así o vindeiro 3 de outubro este obradoiro chegará á Escola de Vilaselán todos os luns de 17:00 a 18:30 horas”.

O Concello cos Coles
Outro ciclo que volve en setembro é O Concello cos Coles, organizado en colaboración coa Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e co programa Ler Conta Moito da Consellería de Cultura ao que se acolle a Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. As primeiras citas terán lugar do 27 ao 29 de setembro.

Pilar Otero contou que “achegaremos un ano máis o teatro aos coles de Ribadeo. Para o alumnado de 1º e 2º de Primaria o 27 de setembro contaremos con Volven os ratos de lonxe de todo!; o 28 para a rapazada de 3º e 4º de Primaria teremos Lúa; e o 29 de setembro o alumnado de 5º e 6º de Primaria gozará de Historias fabulosas, dous magos e outras cousas”.

O Concello cos Coles é unha liña de actuación municipal pola que desde diferentes áreas do Concello (Igualdade, Cultura, Turismo e Desenvolvemento Local, Medio Ambiente, Xuventude e Deporte) se lle fan propostas aos centros de ensino. A programación, que busca enriquecer e diversificar o currículo, é para todos os niveis educativos e desenvólvese durante todo o curso escolar.

Exit mobile version