“É unha mostra máis da debilidade e infradotación á que ten sometida a Xunta á Atención Primaria, e que levamos denunciando os socialistas desde hai moito tempo”
Lugo, 30 de setembro de 2022. O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, advertiu de que o SERGAS está citando ás persoas maiores de 85 anos para recibir a cuarta dose da vacina da Covid nos hospitais, e non no PAC de referencia de cada concello, como si se fixo con anteriores doses das vacinas. “A Xunta debe recapacitar e corrixir esta decisión errónea. Ó igual que é lóxico que o SERGAS leve a vacina ás residencias de maiores, ten que levala ós centros de saúde, para facilitar o desprazamento máis curto posible ós veciños e veciñas de maior idade”, asegurou.
Con esta “medida incomprensible, sobre todo nunha provincia eminentemente rural e cunha poboación tan dispersa e envellecida como a nosa, a Xunta está ocasionando un trastorno e un problema ás familias, dificultando gravemente que acudan a vacinarse as persoas maiores porque teñen que desprazarse moitos quilómetros para poder facelo, e obrigándoos a facer un gasto importante”. “En vez de acercar servizos públicos básicos, como a sanidade, á xente que máis o necesita, alónxana”, recalcou.
Tomé Roca denunciou que a decisión de vacinar aos maiores nos hospitais “é unha mostra clara da debilidade e infradotación de persoal á que está sometendo a Xunta á Atención Primaria, tal e como vimos denunciando os socialistas”.
Por iso, emprazou ao Goberno do PP a que recapacite, e que as vacinacións se realicen nos PACs de referencia, como en anteriores ocasións, para facilitar o acceso, maior comodidade das persoas maiores e un gasto económico.
“Unha vez máis, o PP abandona ós veciños do rural, toma unha decisión sen previr as consecuencias, cara unha poboación de risco e durante esta época do ano, o que di moito da nula sensibilidade social dos dirixentes populares. Nin coñecen o rural, nin atenden as súas necesidades, nin as sanitarias, nin as educativas, nin as de atención ós maiores”, remarcou o Secretario Xeral do PSdeG.
Carlos López: “É unha vergonza”
Neste sentido, o Alcalde da Fonsagrada, Carlos López, sinalou que os maiores dese concello veñen de recibir cita para vacinarse no HULA. “É unha vergonza que se obrigue ós maiores de 85 anos, moitos con mobilidade reducida, mesmo de grao tres, a desprazarse 60 quilómetros, véndose obrigados a pagar 60 ou 70€ polo taxi, para recibir unha vacina que antes recibían no seu centro de saúde, e máis nun concello como o da Fonsagrada, no que máis do 70% da poboación sobrepasa os 70 anos”.
O rexedor socialista fíxose eco das queixas de numerosos veciños “que se acercan ó Concello para protestar e pedirme que denuncie esta situación”.
“Non é normal que, nun momento no que o PP anuncia baixada de impostos, teña a sanidade pública nunha situación de declive, algo que os galegos non nos merecemos”, incidiu.