O Secretario Xeral dos socialistas na provincia marca como obxectivos “conseguir representación municipal nos 67 concellos da provincia, manter e reforzar as actuais alcaldías, sumar outras novas, manter e mellorar resultados nos concellos onde non gobernamos e asegurar a continuidade dun goberno progresista predidido polos socialistas na Deputación de Lugo”
No encontro, celebrado hoxe na sede provincial do PSdeG, estivo acompañado polo Presidente do partido na provincia, Miguel Fernández Méndez, o Vicesecretario Xeral, Xosé María Arias Fernández e a Secretaria de Organización, Pilar García Porto.
“Conseguir representación municipal nos 67 concellos da provincia, manter e reforzar as actuais alcaldías, sumar outras novas, manter e mellorar resultados nos concellos onde non gobernamos e asegurar a continuidade dun goberno progresista presidido por socialistas na Deputación de Lugo” son os obxectivos marcados polo líder do PSdeG na provincia.
O partido, recalcou José Tomé, encara o ano político cun partido “forte, unido, con homes e mulleres con capacidade, ideas e recursos” para mellorar os resultados das municipais. Actualmente, os socialistas gobernan ou cogobernan en 31 dos 67 concellos da provincia, que aglutinan a maioría social da provincia porque suman un 65% da poboación lucense. “No ano 2019 tivemos uns resultados moi bós, pero non nos conformamos. Lugo merece máis. Lugo merece máis socialismo porque así iralle mellor á xente”, dixo Tomé.
“Pisamos o acelerador da actividade do partido a pé do territorio, cun traballo coordinado coas agrupacións, cos alcaldes e alcaldesas, cos voceiros, cos deputados e deputadas e coa militancia e os simpatizantes para mobilizar á cidadanía en torno ós ideais, os feitos e o proxecto do PSOE”, avanzou o Secretario Xeral.
Vacacións da Xunta
José Tomé criticou as “vacacións permanentes da Xunta” durante os últimos 13 anos. “O PP carece de proxecto para esta provincia. A súa resposta ós problemas dos lucenses é sempre o escapismo, negar a súa responsabilidade e finxir que nada é competencia súa. Fan moi ben de comentaristas para saber o que pasa, pero non aportan ningunha solución para os problemas da sociedade galega. E os alcaldes do PP na provincia seguen estas directrices e calan. Calan ante o desmantelamento dos servizos públicos ou ante a desertización industrial da provincia, xa que son disciplinados”.
José Tomé incidiu en que “existe outra forma de facer política, outro xeito de xestionar, que é o que estamos a facer os socialistas, aportando accións concretas alí onde gobernamos e propostas construtivas onde somos oposición. E estamos sempre dispostos a colaborar con todas as institucións”, insistiu. Nesa liña, aludiu as medidas aprobadas polo Goberno de Pedro Sánchez para transformar a economía e ao mesmo tempo, protexer ás familias e a maioria social. “Non é o mesmo que goberne o PSOE que o PP, co goberno socialista subíronse as pensións en relación á suba do IPC, subida do Salario Mínimo, a reforma laboral, a bonificación do combustible ou o imposto ás grandes enerxéticas ou aos bancos. Ademais das axudas directas ás explotacións leiteiras, tan importantes na nosa provincia, cando o Goberno da Xunta non concedeu ningunha”, ou as destinadas ás de carne.
O máximo responsable dos socialistas lucenses criticou a falta de resposta da Xunta ante situacións como os lumes do verán ou os problemas derivados da seca. “Tampouco vemos resposta ante os problemas das familias ante o inicio dun curso escolar moi complicado, con incrementos de prezos en libros ou material” e lembrou que cando o PP chegou á Xunta eliminou a gratuidade dos libros de texto aprobada polos socialistas. E insistiu nas súas criticas “hoxe Galicia está peor que cando Feijóo chegou ao Goberno de Galicia”.
“Non hai que esquecer que o PP votou en contra de todas e cada unha destas medidas, e agora pide que se amplíen. O PP dixo que non ás medidas enerxéticas, pero agora pide que as prorroguen ata o inverno. Polo tanto unha contradición permanente, ademais a base de insultos”, puntualizou.
E lembrou que o PP tamén votou en contra dos Orzamentos do Estado, “cos que o Goberno de Pedro Sánchez multiplicou por catro o orzamento destinado á nosa provincia nos últimos 4 anos, e cos que se están a facer unha inversión histórica en materia de ferrocarril na provincia con 546 millóns de euros”. A modo de exemplo citou que con cargo a este orzamento, “por primeira vez estase electrificando a liña Ourense-Monforte-Lugo”.
Os socialistas podemos mirar á cara aos veciños “cumprimos a palabra dada con feitos concretos e non con promesas baleiras. O PP non ten proxecto para a nosa provincia, anda a salto de mata e a foto de bache, eso é o que ofrece nos concellos”, incidiu Tomé Roca.
Rural, servizos públicos, industrialización e infraestruturas
Mellorar a situación da sanidade e a educación, garantir o acceso ós servizos públicos de calidade no rural, a aposta polo sector primario ou a necesidade de contar cun plan industrial para a provincia son, explicou Tomé, algunhas das reivindicacións principais dos socialistas na provincia. “Os lucenses non están recibindo os servizos de calidade ós que teñen dereito. A situación da sanidade e da atención primaria é completamente insostible na provincia. Faltan médicos de familias, pediatras, persoal de enfermaría, e os que hai teñen sobrecarga de traballo. A Xunta leva 13 anos precarizando á sanidade, dando pulo á sanidade privada, en detrimento da pública”, replicou.
En relación a educación incidiu nos recortes de profesorado, así como un inicio de curso complicado para as familias, “onde a Xunta non aportou nin unha soa solución. O PP só reaccionou cando o PSdeG lle propuxo a gratuidade dos libros de texto, como xa fixo o Goberno de Touriño en Galicia, que xa demostrou que é posible, pero chegou Feijoó e retirou as axudas”.
Sobre as iniciativas da Xunta para o sector forestal, agrario-gandeiro ou pesqueiro, Tomé Roca criticou “a ausencia total de políticas”, para estes sectores punteiros na nosa provincia. E no que se refire á política industrial, cualificouna como “inexistente”. Dixo ademais que a “Xunta traicionou á Mariña”, en relación a implantación da empresa ALTRI, e lembrou que cando pechou a empresa VESTAS en Viveiro “pechou á boca”. “Esta é a política de esconderse debaixo da ala, a política de avestruz do PP, nós non imos apoiala e vainos a ter sempre enfronte”. E preguntouse onde esta o compromiso do IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica), dependente da Xunta, coas empresas galegas, como acontece noutras comunidades como o País vasco.
Empecen a pagar a débeda que teñen coa provincia de Lugo
Sobre as infraestruturas pendentes na provincia, remarcou que son necesarias “xa que contribúen a dinamizar a economía e o emprego, fixar poboación e fan competitivo o territorio”. “Faremos un seguimento da alta velocidade, das autovías e demandaremos tamén as obras que a Xunta ten pendentes dende fai décadas na provincia de Lugo. Como por exemplo a Vía de Alta Capacidade da Mariña, a Ronda Leste ou o aceso ao Porto Seco en Monforte de Lemos. “Empecen a pagar a débeda que teñen coa provincia de Lugo”, dixo.
O líder socialista tamén fixo fincapé na xestión do Goberno da Xunta tralo afundimento da estrada do Courel a Quiroga. “Non se reuniron con naide, non deron ningunha explicación, tardaron 6 meses en comezar as obras, pero esixen medidas urxentes para solventar a caída da ponte en Pedrafita”, insistiu.
Mirarse no espello da Deputación
Por último, o responsable socialista invitou ó PP “a mirarse no espello da Deputación, por exemplo no que respecta á atención ós nosos maiores co desenvolvemento dunha rede propia de residencias cun modelo asistencial recoñecido en España e Europa”. En opinión do líder socialista, a Xunta “non cre nos servizos públicos, por iso, cuns orzamentos que multiplican por 100 os da Deputación, non foi quen de abrir practicamente ningunha residencia pública en 13 anos en Galicia. Só abriu algunha con axudas de entidades benéficas e non con orzamento propio”, dixo.
Para Tomé, “o futuro de Lugo non se pode construír mirando cara outro lado. Os socialistas miramos ós problemas de fronte porque temos o compromiso de falarlle ós cidadáns á cara para asegurarlles que cumprimos os nosos compromisos de traballar para mellorar ás súas vidas e o proxecto de futuro desta provincia”.