Ribadeo, 21 de setembro de 2022. Ribadeo será escenario os días 23 e 24 de setembro do FestivalEo da Alimentación Sustentable, que organiza Eo Alimenta. O evento foi presentado este mediodía.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, sinalou que “en Ribadeo no parque de San Francisco o venres 23 e o sábado 24 de setembro celebraremos a primeira edición do FestivalEo da Alimentación Sustentable, unha mestura de feira de alimentación de produtoras e produtores agroecolóxicos de proximidade, de artesanía, espazos de exposición, de debate e de dar a coñecer proxectos de realidades asociativas e empresariais relacionadas coa produción, coa distribución e co consumo de alimentos. Haberá moita actividade musical e animación durante estes dous días, como se recolle no amplo programa”.
O edil ribadense dixo: “aproveito para agradecer a axuda e o financiamento tanto da Deputación de Lugo, a través da Área de Medio Rural, como do colectivo Eo Alimenta polo traballo feito durante todo este tempo. E animo a todos os veciños e veciñas de Ribadeo e dos concellos da nosa contorna a realizarnos unha visita esta fin de semana para disfrutar deste festival tan interesante”.
Adrián Gallero, coordinador da rede Eo Alimenta, contou que “este festival vai ser un pouco bisagra entre a parte deste proxecto que levamos feito neste último ano e pico e o que ven agora. Levamos un ano e medio mais no terreo da reflexión, de tecer redes e sinerxias entre moitas persoas e organizacións do territorio e agora empezamos a levar os pés e as mans á terra. Nos vindeiros meses seguiremos profundando na materialización desa estratexia alimentaria para o territorio”.
Gallero Moreiras engadiu que “convidamos a todo o mundo a que veñan a comer, a bailar, a aprender e a disfrutar a Ribadeo con todas as persoas e os proxectos que xa levan moito tempo traballando a prol dun sistema alimentario sustentable, san para as persoas e digno para as produtoras”.