Site icon Crónica3.com A Mariña

Quo usque tandem abutere, Catilina, patientia nostra? (“Ata cando abusarás da nosa paciencia, Catilina?”, Primeira catilinaria), por Antonio Gregorio Montes

Día bo, ceos debuxados pero máis ben limpos, temperatura agradable, baixan os prezos dos consumibles enerxéticos… imos parar aí, que tamén hai cousas que non van tan ben no día a día.

Collo as novas e chego a algo que non por sabido (ó mellor non ‘sabido ó pé da letra’, pero si na ‘substancia da nova’) deixa de impactarme, unha vez máis. En resume, o escrito ven dicir que tres persoas estadounidenses, só tres, 3, teñen máis propiedades que os 160 millóns máis pobres dos seus compatriotas, a metade máis pobre… É dicir, cada unha desas persoas ten máis que 50 millóns ‘deses outros’!

Miro e non vexo na noticia un dato tras do que ando dende hai tempo: se están ou non contabilizadas tamén as débedas, e canto representan as dos uns e as dos outros. Non, parece que non atenden a ese dato, que apostaría que tería un desenlace algo así: ‘a débeda viva dos tres estadounidenses máis ricos non chega a unha centésima parte da débeda dos 160 millóns de estadounidenses máis pobres’. É dicir, unha resposta coa que a situación económica aínda estaría máis escorada que a que presenta a noticia da que comento o impacto.

As implicacións dun desequilibrio tal son variadas. Por suposto, están as posibilidades de elección, dende comida a vestido pasando por teito onde resgardarse ou lugares ós que viaxar viaxar e tempo dispoñible para facelo, ou comodidades na viaxe. Iso xa leva consigo que a liberdade dispoñible non é igual para todos nun ‘mundo libre’. Pero coido que a cousa vai máis aló. O uso dos cartos como capacidade de influencia sobre a sociedade, inclúe cousas como a posibilidade de financiamento de partidos políticos no caso das chamadas ‘democracias’ nunha escala que leva á vontade do partido a aliñarse coa vontade do doante multimillonario (aínda que esta palabra xa se quede pequena para esa xente), xunto con redes de amizade ou interese trazadas con persoas encargadas de xestionar a sociedade por mandato de todos que cadran por riba deses intereses comúns, ou mesmo a capacidade, derivada das dúas anteriores, de facer leis á súa medida, e non á medida da maioría. Convértense en plutocracias, palabra que non se usa moito, pero que volve con máis significado.

Atribúeselle a George Orwell unha cita que di que a xente rica só é xente pobre con cartos. Cartos que, ó irse acumulando, van marcando diferencias. Primeiro, de xeito visible: poucos cartos marcan a diferencia entre fame e suficiencia alimentaria. Pero logo, pouco a pouco, de xeito cada vez mais invisible, as diferencias medran e medran, de xeito que se cortan os contactos e ás veces asemellamos ser diferentes especies vivindo sobre diferentes planetas. E iso conta nas decisións tomadas pola sociedade, nos recursos adicados a elas, na visión que se ten sobre as cousas e feitos, no xeito de vida… sobre o único planeta que habitamos.

Mentres, os cidadáns de ‘a pé’, sufrindo moitas veces dificultades, esgotan a súa paciencia. Paciencia que se non ten saltado xa é por diferentes mecanismos de contención social, de fectos limitados e sobre os que podemos volver noutro momento.

Así que, a sociedade, que en teoría detén o poder, pode preguntarse ‘ata cando abusarán da nosa paciencia?’, remedando o dito por Cicerón (que tiña o poder pero non o usaba máis que dun xeito limitado) a Catilina (que non o tiña, pero confabulaba para asegurarse de telo)?

Exit mobile version