“Para o Concello de Viveiro, o acceso á cultura é unha prioridade de goberno. Por iso esforzámonos en coordinar este amplo programa, que ofrece opcións para todas as idades e gustos”, sinala a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
Ademais, a programación deste ano está enriquecida nesta ocasión co espectáculo de “Camiño Escena Norte”, unha iniciativa que seleccionou a Viveiro como municipio no que recalarán varias obras de teatro do norte de España. Alén desta axenda cultural, o Concello de Viveiro organizará programacións puntuais para conmemorar distintas datas.
“Cabe destacar que Superarte, a mostra de teatro feita por persoas con diversidade funcional, regresará coa súa cuarta edición do 17 ao 23 de outubro, unha proposta que reivindica a importancia da inclusión na cultura”, sinala a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.
Programa completo
A programación comezará no mes de outubro coa obra de teatro “El Enjambre”, continuando con “Conexión Pingüín” e “Cubo”, esta última dirixida a público infantil.
O mes de novembro iniciarase co espectáculo de monicreques “A Cazola de Lola” e a proposta teatral “Smoke on the water”. Completan o programa do mes o Concerto de Santa Icía da Banda Municipal O Landro e a peza teatral “Continente María”, sobre María Casares.
Por último, no mes de decembro Viveiro gozará dos musicais “Fillas Bravas de Momán” e “Divertimento”. Pecharán o programa os “Seráns Teatrais Pinocús”, o Concerto de Nadal e a Gala de Maxia.
As entradas poden adquirirse de forma anticipada de luns a xoves no teléfono 982560162 en horario de 9.00 a 14.00 ou no correo electrónico rbg.cultura@viveiro.es Tamén será posible adquirilas na taquilla do teatro 1 hora antes da función.
Máis datos e sinopse das obras en: https://www.viveiro.es/backoffice/file/librillo-2022-2-2757.pdf