Este “pelotazo fiscal” supón quitar recursos para sanidade, educación ou dependencia e demostra que o PP “goberna para unha minoría”
Santiago de Compostela, 23 de setembro 2022. A portavoz nacional, Ana Pontón, considera unha falta de respecto á maioría social que, en plena crise de prezos, o presidente da Xunta anuncie unha rebaixa de impostos a 7.000 millonarios, mentres a maioría de galegos e galegas ten dificultades para chegar a fin de mes.
“É unha burla que Rueda decida baixarlle os impostos ás 7.000 millonarios mentres as familias, a clase traballadora, as persoas autónomas non chegan a fin de mes, pero ven como o presidente da Xunta traballa para unha minoría, quitando recursos á maioría social, porque este pelotozo fiscal do PP significa menos recursos para sanidade, para educación, para dependencia ou para loitar contra o cambio climático, en definitiva supón quitarlle recursos á maioría xusto na maior crise de prezos en corenta anos”, indicou a líder do BNG.
Estamos falando, indicou, de agasallar con 37 millóns de euros aos máis ricos, a 7.000 millonarios, a unha minoría que dispón de máis dun millón de euros, sen contar o seu patrimonio inmobiliario, unha rebaixa media de 5.300 euros cada ano, o mesmo goberno do PP que acaba de suprimir a tarxeta básica de axuda á compra de alimentos e medicinas ás familias con máis dificultades.”
Pontón lémbralle a Rueda que mentres fai agasallos fiscais ás rendas máis altas, “temos unha atención primaria colapsada, hai recortes en sanidade e educación, ou temos un sistema de residencias de maiores totalmente privatizado, falta de medios para atender a dependencia e moitas pequenas e medianas empresas están afogadas sen recibir axudas”.
“Hai que recordarlle ao señor Rueda e ao Partido Popular que os impostos son os que pagan os servizos públicos, son os que nos permiten ter unha sociedade máis igual e máis xusta, é o que nos permite pagar a sanidade, a educación, as axudas a dependencia, as escolas infantís. Dime a quen lle baixas os impostos e direiche para que gobernas, e está claro que o PP goberna para os máis ricos, goberna para as grandes multinacionais, mentres ignora as pequenas medianas empresas, e por iso lle baixa os impostos as rendas millonarias e se opón a subirlle os impostos ás eléctricas, as petroleiras, ou a banca”.
Pontón insiste en reclamar ao presidente da Xunta que mande a documentación dos orzamentos ao Parlamento antes do debate no próximo pleno, “porque temos dereito a saber que máis esconde neses orzamentos para 2023”.
A líder do BNG tamén acusa a Rueda de estar ao ditado do PP de Madrid, de seguir instrucións de Feijóo e de Génova, “non actúa como presidente da Xunta, senón como militante obediente do Partido Popular, e por iso fai o que lle di o seu xefe de filas, que neste caso é baixar os impostos aos máis ricos aos que lles vai perdoar 37 millóns de euros”. “Onte o presidente da Xunta dicía que tiña o seu propio criterio fiscal, hoxe vemos que o seu criterio é facer o que lle manda o PP de Madrid, aínda que vai en contra dos intereses de Galiza”, conclúe.