“O voceiro do Partido Popular está buscando a foto, pero a verdade é que de traballo pola provincia, cero”, porque, como ben sabe, ten as ferramentas ao seu alcance para participar dos presupostos, pero no que vai de mandato nunca as utilizou”, subliñou a voceira socialista do Goberno
Lugo, 20 de setembro de 2022. A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informa de que o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, vén de remitir un escrito ao voceiro do Grupo Provincial do PP en resposta á súa solicitude de convocar e celebrar unha Xunta de Voceiros ou unha reunión da Comisión Informativa de Economía, Recadación e Especial de Contas sobre os Orzamentos provinciais do ano 2023. Un escrito no que o mandatario provincial lle agradece a súa oferta de participación na elaboración dos presupostos, aínda que, sinala, “o realmente interesante sería que presentase un proxecto de orzamentos como documento de traballo para poder debater e contrapoñelo ao proxecto de orzamento que elabora o equipo de Goberno, dado que, sen ter propostas concretas, é imposible traballar e debater con rigor as diferentes propostas de orzamento”.
Neste sentido, a portavoz socialista incidiu en que, se o Partido Popular nesta provincia “fose serio e fose en serio, presentarían un proxecto de presuposto propio ou, polo menos, propostas concretas, algo que ata o de agora neste mandato nunca fixo”. “Reclamar máis cartos para todo non é facer un presuposto, é facer unha carta ós Reis Magos”, aseverou.
“O que me queda claro con todo isto é que o voceiro do Partido Popular está buscando a foto, busca o protagonismo, pero a verdade é que de traballo pola provincia, cero”, recalcou Pilar García Porto, quen remarcou que, como ben lle lembra o Presidente na súa misiva, o PP ten ao seu alcance as ferramentas necesarias para colaborar na elaboración dos orzamentos. “El sábeo ben porque foi Alcalde e agora é portavoz na oposición no seu concello e na Deputación, no Pleno de aprobación do orzamento, que vén precedida por unha Comisión Informativa de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, debátese sobre o mesmo, podendo facer emendas e chegar a transaccións, ou presentar un orzamento alternativo, algo que, reitero, polo de agora nunca fixo o PP”.
Polo tanto, asegurou a Deputada, o voceiro do PP “debería traballar e intentar facer algo produtivo pola provincia, máis aló dos posados, que o único que perseguen é buscar un ocos nos medios de comunicación, pero dende logo iso non renta en positivo para os veciños e veciñas da provincia de Lugo”.