Propoñen que instaure un sistema universal de gratuidade de libros de texto semellante ao que estivo en vigor durante os anos de Pérez Touriño, rematar coa política de recortes de persoal e que se explique no Parlamento como empregou os fondos extra de 92 millóns do Estado para reforzar a educación por mor do COVID
O PSdeG defenderá no vindeiro Pleno da Deputación, que se celebrará este martes, unha moción na que propoñen ao Goberno galego rematar coa política de recortes de persoal, nomeadamente no rural. E solicitan tamén que se explique en sede parlamentaria como empregou o PP os fondos extra de 92 millóns do Estado para reforzar a educación por mor do COVID.
Os socialistas lembran que o PP de Feijóo eliminou a gratuidade dos libros, “e fíxoo nun contexto de crise económica que ía golpear con forza ás familias. E hoxe, o PP de Alfonso Rueda opta por manter esa situación nun contexto económico aínda máis complexo. E mentres o Goberno progresista de Pedro Sánchez adopta medidas excepcionais de alivio para as economías familiares como por exemplo co aumento das becas en case un 25% ou a rebaixa das taxas universitarias”, puntualizan.
Dende o PSdeG advirten ademais, que o Goberno do PP recortou en Galicia, nos dous últimos cursos, “1.500 profesores en Galicia (entre os recortes e o despido dos profesores contratados para reforzar as aulas durante a pandemia), e suprimiu 96 prazas docentes en Infantil e Primaria neste curso”.
Recortes na provincia
Os socialistas lucenses aludiron tamén aos recortes en materia educativa nos centros escolares da provincia. “Houbo redución de profesorado no IES de Becerreá coa supresión da materia de Francés; nas Nogais onde se agruparon os nenos de Primaria nun só grupo; en Baamonde a Xunta pechou un colexio con 30 alumnos sen falar con ninguén; en Chantada eliminouse a oferta de ESO e BAC no centro de Val de Asma, e no Lama das Quendas, as presións fixeron desistir do recorte de profesorado; en Vilalba lanzouse un globo sonda para eliminar o bacharelato de adultos no IES Lois Peña Novo, aínda que a consellería rectificou; en Monterroso, a presión popular fixo reducir os recortes inicialmente previstos, pero, en todo caso, recortaron catro profesores”.
Pola contra, dende o PSdeG puxeron en valor a aprobación da lei de Educación LOMLOE, “unha normativa baseada nas competencias, aberta á innovación e ás mellores prácticas con contidos curriculares actualizados, modelos de avaliación modernos e acorde coas evidencias e recomendacións internacionais”.
O gasto medio supera os 400 euros por alumno
O gasto medio da volta ó cole por cada rapaz en idade escolar supera os 400 euros. O prezo medio dos libros de Primaria ronda os 200 euros, mentres que en Secundaria esa cifra supera os 260. Incluíndo todos os gastos do curso, a OCU estima o gasto anual das familias en 2.200 euros por cada neno ou nena, unha cifra que bota por terra a idea da gratuidade da educación obrigatoria.