Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas emprazan á Xunta a arrimar o ombreiro en Bruxelas para levantar o veto á pesca de arrastre de fondo na que faena a frota galega

Solicitan “que traslade ás autoridades europeas o rexeitamento dunha decisión que consideramos inxusta e inxustificada e esgote todos os medios para a súa retirada, ben a través da negociación, ben a través dos recursos legais dispoñibles”

Lugo, 23 de setembro de 2022. O Grupo Socialista na Deputación quere deixar constancia do seu rexeitamento á decisión da UE de prohibir a pesca de fondo en caladoiros nos que faena a frota galega. Por iso, o Grupo Provincial do PSdeG na Deputación de Lugo reclamará no vindeiro Pleno a través dunha moción rexeitar este veto “e modificar unha decisión que atenta contra un sector estratéxico do noso país”.

O PSdeG insta á institución provincial a solicitar ao Goberno central “que traslade ás autoridades europeas o rexeitamento dunha decisión que consideramos inxusta e inxustificada e esgote todos os medios para a súa retirada, ben a través da negociación, ben a través dos recursos legais dispoñibles”. Demandan á Xunta “arrimar o ombreiro e sumar esforzos co Goberno central para presionar en Bruxelas, porque este non é un tema partidista senón unha necesidade de país”.

Unha medida impulsada pola maioría conservadora da C. Europea
O partido advirte que esta medida “ten sido fortemente contestada polo sector, xa que se toma sen facer distincións entre o diverso grao de impacto que xeran as diferentes artes pesqueiras, e sen contar con datos científicos actualizados da situación dos ecosistemas e dos caladoiros”. Dende o PSdeG denuncian ademais que “quen promove o regulamento que prohibe a pesca do arrastre de fondo en determinados caladoiros comunitarios é a maioría conservadora que goberna a Comisión Europea, e na que está integrada o PP”.

Un veto prexudicial para a frota pesqueira da nosa provincia
Por todo isto, os socialistas lucenses sumámonos ó rexeitamento dunha medida prexudicial para a frota pesqueira da nosa provincia. “Entendemos que as medidas de conservación do medio ambiente, no século XXI, tense que levar adiante combinando a rexeneración co mantemento da actividade económica. No caso da frota lucense, estamos a falar dun colectivo de autónomos e PEMES que aporta un importante porcentaxe do PIB á provincia e, de xeito especial, a unha comarca como a de A Mariña que ten sufrido nos últimos anos as consecuencias dun grave proceso de desindustrialización”, inciden.

Sen base científica nin argumentos
Sinalan ademais que dende Bruxelas, “estase a cuestionar sen base científica nin argumentos a actividade dun sector exemplar, esencial para a Mariña. Un sector que aporta riqueza e que captura nos caladoiros produtos de primeira calidade recoñecidos a escala internacional. Un sector que conforma un dos sinais de identidade sociocultural da nosa provincia”.

Exit mobile version