Site icon Crónica3.com A Mariña

Os produtos estrela da lonxa de Burela percorren a península. A pescada do pincho no Camiño de Santiago con Paradores, e o bonito coa Volta Ciclista

Burela, 1 de setembro, 2022. Esta semana o Parador de Lerma, en Burgos, acolle a oitava parada da campaña “Orixe & Destino Galicia”, que este ano celebra a súa cuarta edición da man da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela e a rede de Paradores de Turismo de España.

En pleno Ano Xacobeo, a ‘Merluza de Burela’ xa visitou nas últimas semanas os Paradores de Vic-Sau (Barcelona), Gibralfaro (Málaga), Trujillo (Cáceres), Chinchón (Madrid), Sigüenza (Guadalaxara) e Calahorra (A Rioxa). En cada un dos seus restaurantes ofrecéronse diferentes receitas de ‘Merluza de Burela’ acompañada dos principais produtos locais e de tempada.

Esta fin de semana a “Ruta Xacobea da Merluza de Burela” visita o Parador de Lerma en Castela e León antes de regresar a Galicia e completar unha nova edición do Camiño de Santiago. A receita desta semana será “Merluza de Burela envolvida en touciño ibérico, clorofila iodada e buñuelo de moluscos”. A próxima semana visitará o Parador de Baiona e finalizará un ano máis o seu Camiño chegando ao “fin da terra” no Parador Costa da Morte en Muxía.

Esta promoción denomínase “Orixe & Destino Galicia” porque a pescada sae da lonxa de Burela e volve a Galicia seguindo o Camiño de Santiago a través dos restaurantes de paradores que están situados en diferentes roteiros xacobeos: o Camiño Catalán, o Camiño Mozárabe, a Vía da Prata, o Camiño de Madrid, a Ruta da La, o Camiño do Ebro, o Camiño Francés, o Camiño Portugués e o Camiño de Fisterra.

Esta acción da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela inclúese no seu plan de produción e comercialización, realízase en colaboración con Armadores de Burela e está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMP.

Pola súa banda, o Bonito de Burela volve estar presente nesta edición da Volta Ciclista a España, que se disputa ata o próximo 11 de setembro, a través do posto de “…E para comer, Lugo” que se instala na zona VIP das 21 saídas de etapa, onde se serven aos visitantes (ciclistas, patrocinadores, xornalistas) aperitivos elaborados con produtos da provincia de Lugo.

Armadores de Burela colabora nesta iniciativa da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), que, co apoio de Turismo de Galicia e a colaboración de varios consellos reguladores e asociacións de produtores, está a facer por décimo ano consecutivo promoción turística e gastronómica da provincia en todas as saídas de etapa da Volta Ciclista a España 2022.

Exit mobile version