Site icon Crónica3.com A Mariña

“Onde están os pazos do pobo?”, por Antonio Gregorio Montes

Para poderse construír, e para vivir, a sociedade necesita espazos onde poder facelo. Espazos sociais, comúns e nos que toda a sociedade poda participar; logo, de libre acceso.

Os espazos para construír a sociedade están a desaparecer. Tanto os físicos, prazas abertas en troques de ateigadas de terrazas de consumo, rúas de convivencia máis que de tráfico, mercados con múltiples postos diversos personalizados en troques de uniformidade hipermecadorial… como os moito máis recentes na rede, anónimos para ferir ó tempo que transparentes para a procura dos nosos datos. E mesmo, como consecuencia, tamén desaparecen do imaxinario colectivo, que máis e máis se vai centrando en mercantilizar a vida a partir de múltiples aspectos, un a un, ignorando ou desprezando outras posibles saídas e espazos non mercantilizados.

Asumimos que o pobo non ten pazos, que os pazos son dunha minoría, ata que nos decatamos de cousas que mesmo coñecidas, son retalladas ofrecendo un aspecto aséptico, como as vellas estacións do metro moscovita, construídas pensando en ofrecer unha zona palaciana á xente do pobo e que, se non esquecidas, son lembradas como lugares bonitos e monumentais, sen outro significado; unha zona de comunicacións da que a comunicación que facilita pasa a ser transparente, e polo tanto, invisible, apartando o seu significado social. É só un caso case actual. Mais entendo que os auténticos ‘pazos do pobo’ non teñen por que ter a aparencia de ‘pazos’, senón que son máis ben espazos. Espazos libres nos que a xente podemos convivir, interactuar, divertirnos, tecer redes sociais, construír o común ó tempo que nos formamos como persoas. Espazos utilitarios que aínda sabemos que foron comúns, como as rúas libres de coches e con nenos xogando sen necesidade de ter os baixos dos edificios colonizados por tendas e o espazo correspondendo á imaxe que hoxe temos de ‘peonil’, ben diferente da ocupación das rúas hai non moitas xeracións. Espazos que se miramos un pouco a tempos non tan pasados, facémonos conscientes de que están en retroceso, mesmo en desaparición. Non se trata de arcadias ou utopías de tempos pasados, senón de lugares que lle foron quitando á sociedade, que nos foron alleados, que foron privatizando e pasando do acervo común á disposición de empresas e outros entes non autoxestionados polo pobo, pola xente. Un proceso que parte de hai tempo, recoñecido ao menos dende as ‘enclosures’ británicas, privatizacións de terras antes aproveitadas en común, e que, ó facerse desaparecer do servizo da comunidade, fixo que a xente se botara cara unha vida máis miserable nas cidades, subministrando man de obra totalmente dependente para a revolución industrial británica. Dende os espazos de subsistencia, como as terras comunais, ós espazos de discusión e formación de vida social (que non teñen por que ser diferentes lugares), cada vez máis actividades e ‘cousas’ teñen pasado a ser privadas, e polo tanto, en principio, a ser privados delas a non ser que se podan comprar a quen fora adxudicado como ‘dono’despois de ser alleadas á comunidade.

O caso é que o alleamento vai turrando contra a comunidade, reducindo a rede social dunha comunidade construída ó longo do tempo e deixando só a posibilidade de interacción en comunidades máis cerradas, non construídas tanto a base de consenso como de liderazgo, onde se acepta o que se estableza como norma a cambio de pertencer, usando as normas como cemento da pertenza. Comunidades que, aínda con estruturas modernas, son máis tradicionais, ou mellor, tradicionalistas, ‘feudais’. Que tratan de suplantar as antigas familias extensas e estendidas ou mesmo o máis reducido núcleo familiar actual, cambiar unha rede social forte por outra que só se presenta como forte. E, mentres, a sociedade tal como a coñecemos, descomponse. Mais a sociedade está feita por humanos, permítenos vivir como humanos e fainos tal como somos. Se se descompón… malo!

Exit mobile version