“Esta lei non sería necesaria se o Goberno de Pedro Sánchez tivese feito os deberes e modificado xa a normativa básica”, manifestou Encarna Amigo
Santiago, 27 de setembro de 2022. O proxecto de Lei de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura na sanidade galega continuará a súa tramitación parlamentaria, coa previsión de que sexa aprobado no vindeiro Pleno, a pesar do voto en contra de BNG e PSdeG. A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, demandou aos grupos da oposición que “se aclaren, porque non se entende que pidan medidas de xeito inmediato para incrementar o persoal sanitario e cando se lles traen accións para aplicarse de xeito inmediato se opoñen e se queixan de que imos demasiado rápido”.
Encarna Amigo xustificou a tramitación por lectura única deste proxecto de lei porque “constitúe un paso plenamente coherente coa necesidade de actuar coa máxima urxencia e dilixencia posible para tentar resolver a falta de profesionais nos postos de difícil cobertura”, como é a atención primaria, os hospitais comarcais ou a saúde mental.
“Esta lei non sería necesaria se o Goberno de Pedro Sánchez tivese feito os deberes e modificado xa a normativa básica para garantir a cobertura deste tipo de prazas”, manifestou a portavoz popular, quen subliñou que “a Xunta está a suplir as carencias e a inacción do Goberno central, pois seguramente se agardásemos por el este problema non deixaría de agravarse”.
INCENTIVAR DETERMINADAS PRAZAS
Amigo afirmou que esta nova lei “non só conta co aval da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, que entende xustificada a urxencia destas medidas e o carácter proporcionado do sistema de selección do concurso de méritos, senón que avanza nun camiño que marcaron o Congreso dos Deputados, nas conclusións do ditame da Comisión para a Reconstrución Social e Económica, e o propio Goberno central presidido por Mariano Rajoy, na reforma da Lei do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde co obxectivo de incentivar a provisión de prazas de difícil cobertura”.
“A cuestión clave reside na necesidade de incentivar determinadas prazas que levaban anos quedando vacantes en ofertas e concursos, principalmente en medicina de familia, hospitais comarcais e saúde mental”, dixo Encarna Amigo, que apuntou que esta lei “vai a darlles incentivos aos profesionais para optar a estas prazas, un sistema máis áxil de acceso, fixeza, maiores puntuacións en futuros concursos de traslados ou priorización en actividades de formación e investigación”.