O obxectivo popular é que a Deputación inste ao Goberno español a levar a cabo todas as accións ao seu alcance, incluso diante da xustiza europea, para frear as disposicións que limitan os caladoiros á pesca de fondo
Lugo, 23 de setembro de 2022. O grupo provincial do PP presentou o pasado mércores, 21, na Deputación unha moción en defensa da pesca de fondo, un día antes de que socialistas e nacionalistas rexistrasen as súas respectivas proposicións sobre este mesmo tema. Así o indica o portavoz popular, Javier Castiñeira, que deu a coñecer hoxe a moción do seu grupo dende Celeiro, en compañía do patrón maior da cofradía, Domingo Rey, que é ademais vicepresidente de Porto de Celeiro.
Castiñeira sinala: “O grupo provincial do PP anuncia que temos presentada unha moción para o próximo pleno da Deputación para pedir o apoio máximo ao sector da pesca do Goberno do Estado, do Ministerio de Agricultura e Pesca, no problema que ocasiona a aplicación do novo regulamento de Pesca de Fondo da Comisión Europea, que elimina 87 caladoiros; algúns deles afectan directamente aos portos de Celeiro e Burela, pero tamén hai barcos prexudicados noutros portos Son moitos os barcos que se ven afectados pola eliminación deses caladoiros, moitos os postos de traballo, centos de familias que se verán prexudicadas”.
Os populares son “conscientes de que a Deputación de Lugo é administración local, pero cremos que é o ámbito adecuado para buscar o apoio dos 330.000 lucenses ao sector da pesca, que se debe sumar ao apoio da Xunta de Galicia para tratar de que o Goberno de España chegue ata as últimas posibilidades, incluída a Xustiza europea, para defender os intereses da nosa frota”.
Castiñeira explica: “A eliminación de certos caladoiros para a pesca de fondo é absolutamente inxusta e non está razoada con informes técnicos. A frota galega, a frota de A Mariña, é especialmente coñecida polo coidado na sostibilidade das especies, con calidade moi alta. Non podemos ser prexudicados unha vez si e outra tamén, porque ao final vai en contra do crecemento da nosa frota. A crise enerxética afecta directamente aos nosos armadores e ao sector en xeral e non pode aguantar novos golpes”. No PP están “totalmente concienciados para defender a nosa frota e así o faremos no próximo pleno da Deputación”. Os populares esperan o apoio do resto dos grupos.