Veciños de Viveiro acudiron durante toda a mañá a poñer a súa firma en apoio do sector pesqueiro
Viveiro, 29 de setembro de 2022. O PP xa expresou con claridade en distintos foros a súa preocupación por la decisión da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo en 87 caladoiros, nos que faenan gran cantidade de barcos galegos e, en concreto, de A Mariña. Os populares de Viveiro, segundo explica o seu presidente e portavoz municipal, Óscar Rodríguez, “diante da grave situación á que se enfronta o sector da pesca, a causa do veto imposto en 87 áreas e as graves consecuencias que isto conleva para A Mariña, esta mañá, na Praza Maior, levamos a cabo unha recollida de firmas en apoio do manifesto en defensa da pesca”.
Rodríguez lembra que o PP defendeu na Deputación o pasado martes unha moción en defensa do sector pesqueiro. O portavoz popular sinala: “Como se di na iniciativa popular, o Goberno ten que expresar con total rotundidade o rexeitamento ao veto decidido por Bruxelas á pesca de fondo e así o debe trasladar á Comisión Europea; o Goberno ten que defender con eficacia a importancia deste sector no conxunto do sector pesqueiro”. Engade: “O de Celeiro é un dos portos máis afectados e non estamos dispostos a deixar que unha medida como esta non teña o rexeitamento máis claro e contundente”.
Os populares destacan que, pola súa parte, “a Xunta rexeita o veto á pesca de fondo que pon en risco á frota galega e prexudica en gran medida ao conxunto da comunidade”.