O portavoz popular, Óscar Rodríguez, di que o inmoble debidamente restaurado prestaría grandes servizos á cidade, tanto como sede de actividades cidadáns e municipais como para mostrar pezas do patrimonio histórico
Viveiro, 5 de setembro de 2022. A conservación do patrimonio construído ocupa, con bo criterio, moitos dos mellores esforzos dos máis eficaces gobernos locais de España. É unha maneira de manter a identidade das cidades e dispoñer de espazos para o desenvolvemento da vida urbana. Non é o caso de Viveiro, onde a alcaldesa, a socialista María Loureiro, escapa como gato da auga quente de todo o que teña que ver con facerse cargo de edificios que son representativos de Viveiro e que poderían dar moito xogo na vida da cidade. Por iso, pese a que a corporación aprobou polo menos dúas mocións para negociar con Portos a cesión do peirao vello e, con ela, da Casa do Guardamuelles, non deu paso ningún para cumprir esta decisión plenaria. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, anuncia que o seu grupo presentará unha nova iniciativa con este obxectivo.
A Casa do Guardamuelles precisa unha rehabilitación canto antes, para evitar que alcance a condición de ruína. Por iso, urxe que o Concello empece a xestionar co Portos a cesión deste inmoble, no marco da cesión dos terreos do peirao vello, para que, unha vez que pase a titularidade municipal, se poida xestionar canto antes a súa rehabilitación.
Rodríguez destaca que o citado inmoble forma parte, en gran medida, do “escaparate” de Viveiro, é dicir, da carta de presentación da cidade a cantos chegan a ela. O portavoz popular sinala: “É inaudito o desinterese que mostra a alcaldesa por unha cesión, coa que Viveiro gañaría moito, porque o do peirao vello é un espazo que presta un gran servizo á cidade; e, no marco dese acordo, conseguir para titularidade municipal ca Casa do Guardamuelles sería un logro importante”.
Óscar Rodríguez explica que Viveiro precisa instalacións para numerosos fins, dende mostrar pezas do patrimonio histórico ao uso como local para desenvolvemento de distintas actividades cidadás e municipais”.