Os populares destacan que en Galdo solicitan a creación dun aparcadoiro nas inmediacións do colexio para evitar problemas de tráfico na estrada
Rodríguez sinala: “O do saneamento é un problema moi estendido en Viveiro, pero en Galdo aínda queda en evidencia de maneira máis clara. Hai moitas casas ás que non chega a rede de sumidoiros. Iso é grave. Pero aínda é máis grave que en Galdo hai casas ata as que chega o saneamento, pero non están conectadas a el. Este é un problema moi serio dende todos os puntos de vista. Por moito que os socialistas falen da súa preocupación medioambiental, o que está claro é que non fan nada para mellorar as condicións medioambientais mediante a ampliación e xestión eficaz da rede de saneamento”.
Os populares comprobaron igualmente o malestar veciñal polo feito de que en Galdo hai unha parte que non recibe auga da traída municipal, senón que teñen que abastecerse dende mananciais. Rodríguez di que “esta é outra mostra da falta de iniciativa e de empuxe do goberno presidido por María Loureiro, incapaz de asegurar a prestación de servizos tan básicos como son o saneamento e o abastecemento de auga nas debidas condicións”.
Algúns veciños sinalaron o seu malestar co goberno municipal por desoír as súas repetidas queixas pola existencia de fincas cheas de maleza nas inmediacións das casas. “Falamos dunha situación que pode implicar risco serio para as casas e o que ten que facer o Concello e que se cumpran as normas ao respecto”, sinala o portavoz popular.
No transcurso da reunión, celebrada no colexio vello, algúns dos asistentes vincularon a perda de poboación que rexistra esta parte de Viveiro coa falta de servizos para mellorar a calidade de vida dos residentes. Neste sentido, consideran necesario habilitar un espazo para estacionamento no entorno do colexio, para evitar os problemas que se rexistran na estrada, polos coches parados.