Os populares destacan que as obras executadas na rúa quedaron ben, pero din que é necesario renovar un tramo das beirarrúas e da varanda
Foz, 01 de setembro de 2022. O grupo municipal do PP, sempre disposto a sumar, a ser útil para solucionar os problemas e deficiencias que afectan aos veciños Foz, puxo de manifesto no seu día a necesidade de acometer a mellora da rúa Limoeiros. A vía foi obxecto de melloras, efectivamente, pero aínda quedan aspectos que resolver, como é a renovación dunha parte das varandas e a mellora das beirarrúas, e así o solicita o portavoz popular, Javier Castiñeira.
Os populares lembran que “no ano 2020 o grupo municipal do PP solicitou mediante rogo no pleno da corporación o arranxo da rúa Limoeiros, porque estaba moi mal, especialmente o pavimento”. Explican que “o goberno municipal decidiu incluír esa obra no Plan Único 2021 e executouse no 2022; practicamente foron rematadas neste verán. O traballo executado quedou bastante ben, pero entendemos que se fixeron as cousas a medias e non comprendemos como non se rematou o arranxo integral de Limoeiros”.
Castiñeira sinala: “Na parte arranxada, as varandas cumpren a legalidade, pero o goberno do Concello de Foz, no outro tramo, deixou as vellas, que teñen uns 70 centímetros e están moi por debaixo do que esixe a normativa”.
O portavoz popular indica: “No 60% da rúa quedaron sen arranxar as beirarrúas. Este equipo de goberno do Concello ten o costume de facer as cousas a medias; no PP pedimos que as rematen, que poñan as varandas legais en todo o tramo e que se acometa unha reparación integral. Así esta rúa terá un novo aspecto e mellorará a calidade de vida dos veciños”.
No PP destacan que por esta rúa pasa moita xente maior “e é necesario acometer esas pequenas obras e finalizar o traballo na rúa Limoeiros, como pediu o PP, para mellorar a calidade de vida dos veciños e a seguridade vial”.