O portavoz popular, Javier Castiñeira, lembra que o aparcadoiro é o máis grande dos do concello e foi acondicionado por iniciativa do anterior goberno local (PP)
Foz, 15 de setembro de 2022. O grupo municipal do PP, como ao longo de todo o mandato, segue no seu labor de oposición unha dobre liña: crítica da xestión do goberno local e propostas para mellorar a calidade de vida dos focenses e dos visitantes. Agora lanza unha nova proposta. O portavoz popular, Javier Castiñeira, explica que “dende o grupo municipal do PP, dentro da liña propositiva que levamos dende a oposición, anunciamos que presentaremos unha moción no próximo pleno da corporación instando tanto ao Concello como a Portos de Galicia a que solucionen o problema do talude e da súa contención na zona do Curbeiro”. Sinala: “É unha zona na que o anterior goberno (PP) acondicionou un aparcadoiro municipal, grazas a un acordo cos propietarios; é o máis grande aparcadoiro municipal e está céntrico. Permite estacionar para desprazarse á zona comercial, moi cerca da avenida de A Mariña, moi cerca tamén do colexio Martínez Otero e do porto, onde se celebra o mercado semanal”.
Os populares din que “é moi necesario resolver ese talude, o que permitiría dar finalidade a Rúa do Curbeiro, que está sen rematar; poderíase facer un segundo acceso para vehículos, non peonil e perigoso como é a día de hoxe”. Engade: “Ese aparcadoiro será moito máis útil con dúas entradas que con só unha como ten hoxe, pola praza Salgado Toimil. Ademais de mellorar a viabilidade melloraría tamén a seguridade viaria na rúa pola que se accede ao porto, que é moi estreita”.
Castiñeira sinala: “Entendemos que é unha obra moi necesaria e por iso queremos involucrar aos afectados: ao Concello, que quere integrar o Camiño do Curbeiro no inventario de camiños públicos e Portos de Galicia que é propietario das parcelas que colindan, onde está a depuradora e a nave de obras do Concello. Esperamos o apoio de todos os grupos, porque é unha obra moi necesaria, que facilitaría a mobilidade no noso concello”.