Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz insta a Cajoto a tramitar a redacción do plan especial para o casco histórico e a desenvolver o PXOM, aprobado polo anterior goberno local

Os populares din que o goberno local, coa súa parálise e indecisión en materia de urbanismo, leva ao concello a unha situación de caos

Foz, 13 de setembro de 2022. O goberno local, presidido polo socialista Fran Cajoto, tres anos despois de asumir o goberno de Foz é incapaz de abandonar á parálise na que se atopa dende o primeiro día. Se en todos os aspectos a falta de iniciativa do equipo de goberno é un grave problema para Foz, é aínda máis grave no terreo urbanístico. O portavoz popular, Javier Castiñeira, asegura que “é lamentable que o equipo de goberno estea totalmente paralizado e que iso afecte ao desenvolvemento do noso concello; entendemos que a falta de compromiso tanto do PSOE como do BNG, coa súa falta de decisión para avanzar en materia de urbanismo, estanos a levar a un caos que é moi negativo para o noso municipio”.

Castiñeira explica: “A xestión urbanística do goberno bipartito de Foz é lamentable, por non dicir que é totalmente inexistente. Non só polo retraso, que denunciamos semanas atrás, da tramitación das licencias de obras, que está colapsando o sector da construción neste concello e ten moi enfadados a moitos propietarios que querían facer obras e non poden pola ineficacia na xestión municipal”. Engade: “Este equipo de goberno atopouse cun Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado polo anterior goberno; había un compromiso para desenvolvelo nos próximos anos, pero nada se fixo”.

Na mesma liña, Castiñeira destaca: “Había que desenvolver un PEPRI, un plan especial de protección e reforma interior para a zona antiga, para pormenorizar as condicións urbanísticas do casco histórico, recollidas só de maneira moi xenérica no PXOM. Nada se fixo, a pesar da insistencia do PP no pleno; nin sequera se contratou a unha consultora para iniciar ese proceso”.

Os populares indican que tampouco foi ampliado o caudal de captación no concello de Foz para poder desenvolver tanto a parroquia de Cordido, que está pendente da legalización da súa captación (en tres anos o equipo de goberno non foi capaz de facelo), como na zona urbana, alí onde se precisa unha ampliación, para desenvolver zonas de progreso como poden ser Malates ou As Torres”.

Castiñeira sinala: “Se miramos as peticións do PSOE e do BNG cando estaban na oposición, vemos que, por exemplo, nada fixeron con respecto ao solar situado enfronte á Casa da Cultura. Eles pedían unha solución e a única solución e que alí seguen a medrar as herbas que invaden a rúa”.

No PP lamentan “que o equipo de goberno estea totalmente paralizado e iso afecte ao desenvolvemento do noso concello”.

Exit mobile version