Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz denuncia o estado de abandono no que se atopa a área recreativa de Río

Os populares aseguran que o goberno local, presidido polo socialista Fran Cajoto, ten totalmente abandonadas ás parroquias rurais

Foz, 22 de setembro de 2022. A estas alturas está máis que demostrado o desinterese do goberno municipal de Foz polas parroquias rurais e, sinaladamente, polas áreas recreativas. Así o denunciou reiteradamente o grupo popular, que, de novo, ten que facerse eco das queixas dos veciños do rural, esta vez dos de Río. O portavoz popular, Javier Castiñeira, explica: “O Partido Popular de Foz quere denunciar o estado absolutamente asilvestrado no que se atopa a área recreativa de Río. Segundo aseguran os veciños e puidemos comprobar, está chea de maleza; dá pena ver neste estado de abandono unha área recreativa tan bonita, que incluso é etnográfica, na que se recuperaron hai tempo os muíños e se instalaron mesas, que están agora cubertas pola maleza”.

Os populares destacan que moitas das mesas están rotas, igual que as portas e ventás dos muíños, de maneira que “incluso pode ser perigoso que entre xente sen ter o permiso do Concello”.

Castiñeira sinala: “É lamentable como ten as parroquias o equipo de goberno. Este é un exemplo máis; só hai que mirar pola zona dos núcleos rurais de San Martiño, Río, Vilacendoi e incluso Xinzo, que foron ás últimas nas que se levou a cabo a roza. A proba máis grave é esta área recreativa, que segundo os veciños, estivo neste estado todo o verán”.

Dende o PP piden “ao goberno local que faga levar a cabo os necesarios traballos de roza e que busque unha partida para a reposición do mobiliario e para arranxar as portas e ventás dos muíños. Todas as áreas recreativas son importantes. No caso da de O Carme estivo abandonada ata pouca antes de celebrar as festas nesta parroquia”.

Exit mobile version