Castiñeira destaca que, lamentablemente, “entre Cajoto e Tomé teñen parado o servizo municipal de Urbanismo”
Castiñeira explica que algúns solicitantes “levan meses esperando pola licencia de obras; pretendían executar os traballos durante o verán, pasou, e seguen sen eses permisos”. Engade: “É algo que non nos sorprende, porque levamos tempo denunciando a falta de tramitación administrativa que se dá baixo a dirección deste equipo de goberno, que é moi pouco executivo, que sigue en prácticas despois de tres anos e está falto de dilixencia; é moi pouco áxil”.
Os populares din que o de Foz “é un goberno que, a pesar de ser o máis amplo e o máis caro da historia local, non é capaz de aproveitar as sinerxías coa Deputación de Lugo, que ten un servizo de cooperación que debera axudar neste asunto”. Tamén na Deputación hai problemas, debido á xestión do presidente José Tomé (PSOE). Castiñeira di: “Polo que sabemos, este servizo tamén está saturado. O propio Tomé ten falta de efectivos en Cooperación; nunca houbo tan pouca xente para axudar aos concellos a desatascar estes asuntos e, lamentablemente, entre Cajoto e Tomé teñen parado o servizo de Urbanismo”.
No PP din que o que ocorre coas licencias de obra “non é unha casualidade, porque igual que pasa con estes permisos, que non se tramitan no tempo adecuado, ocorre co servizo de Axuda no Fogar, un dos máis importantes que ten o noso concello, e mesmo co contrato da depuración e saneamento, que leva todo o mandato caducado”.
Castiñeira resume: “Esta é a dinámica dun goberno absolutamente en prácticas e pouco dilixente, como é o bipartito de Foz; o problema das licencias é unha mostra máis de que gobernar non é unha cuestión de propaganda senón de facer as cousas, de ser executivo e de servir de maneira práctica aos nosos veciños, algo que non son capaces de facer PSOE e BNG”.