Os populares fanse eco dunha nova queixa veciñal debido a que “os pasos de peóns na zona do Perdouro están sen pintar tralo recente asfaltado da rúa Camiño Real”
O voceiro, Manuel Rouco, considera que “este risco para os menores que comezaron o curso escolar e que non teñen os pasos de peóns debidamente sinalizados se podería ter evitado se o goberno socialista do señor Llano e, particularmente, o responsable desta área, o concelleiro don Ramiro Fernández, houberan planificado axeitadamente o calendario de obras- É unha irresponsabilidade poñer en risco non só a seguridade viaria dos veciños e veciñas; senón, especialmente, a dos menores que este xoves comezan a acudir a diario ás zonas educativas da nosa vila”.
O goberno de Llano só espabila tralas denuncias públicas do PP
Rouco explica que “isto non é máis que un suma e segue na lista de despropósitos do goberno de Burela que o único que fai é improvisar no seu día a día”. En relación á obra do Camiño Real, lembra que “está envolta na incerteza e na inseguridade dende o primeiro día”. Por unha banda, “tivo que ser presupostada ata en dúas ocasións, co conseguinte incremento de prezos debido á ineficiente xestión do goberno local que foi incapaz de tramitar en tempo e forma a súa contratación”. E, por outra, “cando comezaron as obras tamén denunciamos a deficiente sinalización das mesmas, particularmente, na baixada dos institutos o que engadía un perigo que podía terse evitado facilmente”.
Igualmente, tivo que ser outra denuncia pública dos populares a que “fixera espabilar ao goberno local para subsanar as deficiencias nesta rúa que estaba a escuras e cos vadéns habilitados para reducir a velocidade dos vehículos ao aproximarse aos centros educativos sen sinalizar. Este é un proceder curioso para un goberno dunha vila coma Burela”, considera Rouco.
O PP local lamenta que “unha vez máis se cumpran as nosas previsións, xa que sería bo para o noso pobo que o goberno local deixara de darnos a razón sobre a súa incapacidade de xestión e a súa improvisación diaria”.