Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Barreiros propón que o goberno local manteña abertos os baños públicos dos areais do municipio en Semana Santa e nos meses de verán, incluídos xuño e setembro

O voceiro, José Manuel Gómez Puente, condena que “o baño da praia de Arealonga en San Miguel estivese pechado durante todo o verán”

Barreiros, 14 de setembro de 2022. O PP de Barreiros propón a apertura dos baños públicos que se atopan a pé de praia nas debidas condicións durante a temporada alta: Semana Santa e o verán incluídos os meses de xuño e setembro. Así o trasladan tras escoitar as queixas dos veciños e veciñas debido a que “estes servizos están actualmente pechados cando moitos veciños e turistas seguen acudindo aos nosos areais aproveitando o bo tempo”.

O portavoz, José Manuel Gómez Puente, engade ademais que “o baño da praia de Arealonga, en San Miguel, estivo pechado todo o verán sen que o goberno local fixera nada por abrilo e mantelo nas adecuadas condicións para prestar este servizo na zona”.

Tendo en conta que os areais son unha gran riqueza para o municipio e tamén un importante reclamo para o sector turístico, o PP de Barreiros cre que “o goberno municipal debe xestionar adecuadamente os servizos da súa competencia. Supoñen un beneficio non só para o sector turístico, senón tamén para tódolos veciños e veciñas que poidan facer uso de instalacións coma as dos baños públicos dos areais. Son pequenos xestos de apoio a un sector económico e, ao mesmo tempo, un servizo para os barreirenses”, defenden.

En relación á xestión do goberno local sobre os servizos nos areais, os populares xa teñen advertido en varias ocasións da falta de implicación por parte do goberno local que preside a nacionalista Ana Ermida coa apertura do acceso á praia de San Bartolo. Por outra banda lembran tamén que “despois de varios días de verán, a área recreativa da Anguieira tampouco estaba debidamente rozada e acondicionada de forma que os veciños non podían facer uso deste espazo e os visitantes levaron unha mala imaxe de Barreiros”.

“Estes son algúns exemplos máis da falta de xestión parte do goberno nacionalista que reflicte unha total falta de vontade por manter as instalacións municipais en boas condicións e prestar aos veciños os servizos que demandan”, conclúe o portavoz.

Exit mobile version