Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP acusa a Tomé de esconderse diante dos gravísimos problemas aos que se enfronta o sector pesqueiro, como antes fixo con Alcoa

No PP queren que Tomé traslade ao Goberno central a total preocupación dun sector tan importante como é o pesqueiro, “que pode estar vendo o final da súa existencia”

Lugo, 27 de setembro de 2022. A decisión da Comisión Europea de expulsar dos caladoiros habituais aos barcos de pesca de fondo constitúe unha gravísima ameaza para o sector en Galicia e sinaladamente na provincia de Lugo. O PP defenderá no pleno que celebra a Deputación esta mañá unha moción en defensa do sector pesqueiro. O portavoz popular, Javier Castiñeira, expresa a súa alarma polo silencio mantido ata agora polo presidente provincial, o socialista José Tomé. Castiñeira di: “Non entendemos como o señor Tomé permanece escondido novamente e unha vez máis diante dos graves problemas do tecido económico lucense. Fai agora o mesmo que fixo con Alcoa, que non foi capaz de servir como enlace entre o sector industrial de Lugo e o Goberno; ao contrario xustificaba a nefasta estratexia enerxética que prexudica aos intereses de Alcoa e de todos os traballadores, e agora fai exactamente o mesmo co sector pesqueiro”.

Os populares sinalan: “Non sabemos onde está o señor Tomé, porque nin se puxo en contacto cos representantes dos portos lucenses nin fai ningunha xestión para que o Goberno, o Ministerio de Agricultura e Pesca, tome as medidas necesarias para atallar este agravio que se fai á frota lucense”.

Castiñeira engade: “Temos un presidente da Deputación que o único que fai é xustificar as malas xestións do Goberno presidido por Pedro Sánchez, e, polo contrario, criticar á Xunta, que nestes casos, tanto na enerxía como na política pesqueira comunitaria, non ten os medios adecuados e ten que ser o Estado o que tome as medidas correspondentes”.

O portavoz popular adianta: “Neste pleno imos pedir ao señor Tomé que saia da súa cova e que defenda ao sector pesqueiro; queremos que traslade ao Goberno central a total preocupación dun sector tan importante como é o pesqueiro, que pode estar vendo o final da súa existencia, por decisións tomadas por medioambientalistas, sen dispoñer de estudos socioeconómicos e pensando única e exclusivamente en temas que nada teñen que ver coa realidade de A Mariña”.

No PP queren “un presidente da Deputación que defenda ás nosas empresas, aos nosos barcos, aos nosos mariñeiros e que o faga con contundencia e non como pasou con Alcoa que, a día de hoxe, sigue cos mesmos problemas”.

Outra das mocións populares ten como obxectivo que a Deputación renove o convenio coa Xunta para os Grupos de Emerxencia Supramunicipais e aporte a cantidade necesaria para a súa modernización. A este respecto, Javier Castiñeira declara: “Pedimos que a Deputación siga co compromiso que ten a Xunta para a modernización dos GES. A Deputación ten conxelada a axuda aos concellos para estes grupos, o que levou a que algúns deles, algún con alcalde socialista como o de A Fonsagrada, ou un alcalde ex socialista como o de Becerreá, renunciaran aos GES, algo co que estamos en total desacordo”. Engade. “Estes grupos son moi necesarios especialmente nas emerxencias en concellos pequenos e resulta inaceptable que na zona de A Montaña os alcaldes renunciaran a eses grupos, porque vai en prexuízo dos veciños”.

Exit mobile version