Site icon Crónica3.com A Mariña

O ‘Peixe de Burela’ vota polos cociñeiros de Lugo

Burela, 5 de setembro, 2022. Desde a Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela apóianse as candidaturas dos chefs Toño Lorenzo e Martín Mantilla a ser galardoados como mellor “Cociñeiro Galego 2022”.

Estes dous chefs pertencen á Asociación Cociñeiros Lugo e son habituais colaboradores da OPP-7 elaborando receitas con produtos frescos da lonxa de Burela, dentro das diferentes accións incluídas no seu plan de produción e comercialización, que se realiza en colaboración con Armadores de Burela e está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMP.

O premio “Cociñeiro Galego 2022 Galicia Fórum Gastronómico” recoñece o labor dos cociñeiros emerxentes que utilizan produto de proximidade, teñen sensibilidade con producións ecolóxicas; colaboran conxuntamente con produtores locais e fan difusión deste tipo de valores.

Dous dos cinco chefs nomeados este ano a mellor chef galego pertencen a esta asociación: Martín Mantilla do Restaurante Berso (Sober) e Toño Lorenzo do Restaurante A Faragulla (Chantada).

A última receita que Martín Mantilla cociñou para a colección “A Cociña do Mar” do porto de Burela foi unha “Pescada do pincho de Burela con castañas e cogomelos”, destacando as propiedades do produto estrela da lonxa de Burela.

Pola súa banda, Toño Lorenzo preparou un “Sargo á brasa con refrito de moluscos”, destacando neste caso a gran variedade de produtos pesqueiros que se descargan cada día no porto de Burela, con 116 diferentes especies comercializadas en lonxa.

O período de votación está aberto na web do Galicia Fórum Gastronómico ata o 18 de setembro e entre as persoas que emitan o seu voto sortearase unha comida para dúas persoas en cada un dos restaurantes nomeados. O gañador ou gañadora do concurso elixirase sumando estas votacións do público na web e o voto do xurado profesional.

Exit mobile version