A Xunta quere asignar por concurso de méritos prazas en Atención Primaria, hospitais comarcais e saúde mental
Lugo, 26 de setembro de 2022. O deputado popular José Manuel Balseiro explicou que este martes inicia a súa tramitación, cun primeiro debate e votación no Pleno do Parlamento, a nova Lei, impulsada polo Goberno galego, que estenderá a provisión por concurso de méritos ás prazas de difícil cobertura en atención primaria, hospitais comarcais e saúde mental. Son medidas, propostas pola Xunta, para animar aos médicos a que veñan a traballar a hospitais como o da Mariña lucense e a centros de saúde de contornas rurais, onde en demasiadas ocasións quedan prazas vacantes.
“A norma garante que especialistas coma traumatólogos, radiólogos ou internistas que queiran traballar nun hospital comarcal ou os especialistas en saúde mental, opten a cubrir as prazas baleiras e poidan facelo nun proceso moito máis áxil. Este persoal poderá, de xeito extraordinario, acceder a unha praza en propiedade por concurso de méritos”-explica Balseiro
A Xunta opta por tomar medidas lexislativas extraordinarias para intentar solucionar, polo menos en parte, o déficit de médicos, unha situación que afecta a todas as comunidades autónomas. “Galicia non se queda de mans cruzadas aínda que continúa sen cumprirse por parte do Goberno de España a reforma da normativa estatal básica para conseguir máis profesionais”-indicou o deputado.
O debate desta lei tamén servirá, segundo Balseiro, “para retratar ao socialistas e nacionalistas, dous partidos políticos moi dados a queixarse e recoller firmas cada vez que hai dificultades na sanidade pública, pero que despois non apoian ás medidas que impulsa a Xunta para poder formar e contratar máis médicos, cando hoxe é, todos coincidiremos, o principal problema do sistema público de saúde”.
Atención primaria, hospitais comarcais e saúde mental
A lei en tramitación parlamentaria abrangue o persoal facultativo especialista dos hospitais dos distritos sanitarios de A Mariña, Cee, A Barbanza, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras e O Salnés.
En segundo lugar, atinxe o persoal da categoría de facultativo/a especialista de atención primaria, creada pola Lei de acompañamento dos orzamentos de 2021, e o persoal de pediatría de atención primaria.
Finalmente, inclúese o persoal facultativo/a especialista de área en psiquiatría e psicoloxía clínica e enfermeiro/a especialista de saúde mental necesario para o desenvolvemento do Plan de saúde mental de Galicia 2020-2024
A normativa recolle tamén outros incentivos para o persoal que cubra as prazas de difícil cobertura na atención primaria e en determinados hospitais comarcais, como un acceso máis rápido ao máximo grao da carreira profesional sanitaria ou unha valoración extraordinaria do tempo de servizos prestados nestes postos á hora de computar méritos en procesos selectivos ou concursos de traslados, así como a priorización da súa participación en actividades formativas e proxectos de investigación.
Co obxecto de que o sistema garanta o obxectivo de cobertura asistencial destas prazas de difícil cobertura, a norma establece a obrigatoriedade da incorporación efectiva e permanente ao servizo activo do persoal que obteña praza a través destes concursos de méritos, así como a necesidade de permanecer un mínimo de dous anos en situación de servizo activo no posto adxudicado antes de optar a un concurso de traslados ou a outro sistema de promoción interna