Site icon Crónica3.com A Mariña

O ‘Outono Gastronómico’ da Xunta comeza o 16 de setembro coa participación de 19 casas rurais da provincia, 3 delas na Mariña

Os usuarios teñen a opción de elixir entre seis paquetes distintos, que poden limitarse a unha comida ou incluír estancias e mesmo actividades como roteiros, acceso a adegas e balnearios ou xogos de escape room

Lugo, 9 de setembro de 2022. A campaña Outono Gastronómico que promove a Xunta inicia unha nova edición o vindeiro 16 de setembro coa participación de 19 establecementos de turismo rural da provincia de Lugo.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, visitou hoxe o autobús promocional na praza Horta do Seminario da capital luguesa, onde explicou que a iniciativa prolongarase ata o 18 de decembro e conta cun total de 73 negocios adheridos nas catro provincias.

As casas rurais colaboradoras ofrecerán dous menús diferentes deseñados especificamente para a campaña, que levarán na súa composición produtos galegos con certificación de calidade -Denominación de Orixe (DO), Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ou produción ecolóxica certificada-.

Os usuarios teñen a opción de elixir entre seis paquetes distintos, que poden limitarse a unha comida ou incluír estancias e mesmo actividades como roteiros, acceso a adegas e balnearios ou xogos de escape room.

Nove dos locais lucenses participantes están na Zona Sur, repartidos polos concellos de Taboada, O Courel, O Saviñao, A Pobra do Brollón, Pantón, Quiroga e Sober. Tamén hai tres na Mariña -nos municipios de Foz, Trabada e Lourenzá – e os restantes pertencen a Castroverde, Lugo, Cervantes, O Corgo, Monterroso, As Nogais e Sarria.

As persoas interesadas en coñecer todos os detalles poden informarse a través da páxina web de Turismo de Galicia, na que hai un apartado específico adicado ao Outono Gastronómico, que este ano chega á súa 16ª edición. Ademais, un bus promocional percorre as principais localidades galegas, onde o público que se achegue pode participar nunha ruleta con 14 premios de Fin de Semana Outono Gastronómico e 1.400 carballos, coa finalidade de fomentar a plantación de especies autóctonas e de contribuír á protección do medio ambiente.

Arias destacou a importancia da gastronomía na oferta turística da provincia de Lugo e subliñou que con este tipo de iniciativas a Xunta quere contribuír a “divulgar a potencialidade dos destinos rurais e xerar actividade fóra da tempada alta”.

Exit mobile version