Patricia Otero insta a Rueda a “tomar este problema como un problema de Estado” e reclama unidade e proactividade nas actuacións do goberno galego
Otero lembrou o “amago” da Xunta hai dúas semanas con interpoñer o recurso diante da UE, para a continuación “recuar e dicir que o presentarían só se non o fai o goberno de España”. A parlamentaria socialista reclamoulle que inicien a actuación xudicial en paralelo ás medidas do Estado, e subliñou que “se eu fora conselleira do Mar dende logo que presentaría ese recurso”.
Ademais, chamou ao presidente da Xunta a “tomar este problema como un problema de Estado”, e tome “máis actuacións ademais de enviarlle cartas ao presidente do goberno”, e reclamoulle “que traballen, que realicen algunha actuación, porque é difícil” paralizar a prohibición, pero “deben ser moito máis proactivos”. Lembrou que o goberno galego non se reuniu coa directora xeral do Mar da UE ata outubro de 2021, cando a prohibición estaba en marcha.
De feito, lembrou que o ponente do Regulamento de 2016 do que naceu o veto á pesca de fondo foi o eurodeputado do PP Gabriel Mato, que “non advertiu das consecuencias que se poderían dar” e é a raíz do escenario de hoxe, mentres o eurodeputado galego Millán Mon “votou a favor” do dito Regulamento.
Acusou ao Grupo do PP de intentar “romper a unidade do Parlamento e atacar con falsidades aos grupos parlamentarios da oposición”, mentres se limitan a responder co “non polo non” fronte a tódalas iniciativas en defensa da pesca presentadas polo Grupo Socialista. Así o fixeron vetando por exemplo unha Declaración Institucional presentada por este grupo parlamentario, que polo contrario si que apoiou as iniciativas presentadas polo PP.
Lembrou a “man tendida” do PSdeG ao goberno galego na defensa do sector pesqueiro, e instou ao Executivo a demostrar a mesma unidade co goberno central no seu “posicionamento claro” a favor do sector da pesca de fondo e en contra dun Regulamento “extralimitado por motivos de forma e tamén de fondo” para prohibir a pesca e 87 zonas.