Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular esíxelle ao goberno de Tomé “menos propaganda e máis xestión” sobre as residencias porque “as únicas que abriu son as que fixeron outros”

Castiñeira insistiu en que “o PP está orgulloso da rede de residencias da Deputación de Lugo”, pero advertiu que “hai cousas que non están ben e o noso deber é dicir o que hai que mellorar”

Lugo, 27 de setembro de 2022. O portavoz do Grupo Provincial Popular, Javier Castiñeira, lamentou durante a sesión plenaria deste martes na Deputación de Lugo que “o goberno provincial é moi dado a presumir das residencias a golpe de titulares, pero temos que discrepar porque a súa xestión durante este mandato foi nefasta para a rede de centros de maiores. Hai varios casos que acumulan catro anos co convenio en vigor e sen iniciar as obras. Non se puxo nin un só ladrillo. Das 10 residencias prometidas fai 11 anos, só están en funcionamento 7”. Polo tanto, o popular esixiulle ao goberno de Tomé “menos propaganda e máis xestión ou, como dicía Emilio Aragón, menos samba e máis traballar”.

Así o manifestou durante o debate sobre a aprobación da terceira addenda do convenio entre a Deputación e o Concello da Pontenova, de data 21 de febreiro de 2018, en relación á dirección de execución da obra de construción de centro de atención a persoas maiores no municipio que saíu adiante por unanimidade.

Castiñeira remarcou que “as únicas residencias que abriu este equipo de goberno do señor Tomé -tendo en conta que abrir non é o mesmo que inaugurar como son moi dados a facer- son as que fixeron outros. É o caso das que fixo Suplusa, esa entidade á que lle chaman chiringuito e que vostedes pecharon, pero que funcionaba mellor que vostedes”.

Numerosos atrasos
Sobre a residencia da Pontenova, os populares cren que “o goberno de Tomé pouco pode presumir se dende febreiro do 2018 non se deron conta de que non tiñan previsto o diñeiro para a dirección de obra e traen aínda hoxe a pleno esa terceira addenda para suplementar”.

“Este é só un exemplo”, dixo o voceiro popular que citou outros coma o de Guitiriz de onde había veciños asistindo ao pleno. O convenio foi firmado no 2011, acumula anos de atraso e, o peor de todo é que, está sen facer a residencia e a Casa da Botica, que é un ben inventariado, no chan. Non sabemos nada da residencia. Non cumpre nin cos seus alcaldes”.

“Catro anos despois de firmar o convenio da residencia de Portomarín e dúas renuncias das construtoras -que xa lle advertira o Grupo Popular que tiña que revisar os prezos da construción porque ía pasar o que está pasando-, din agora que hai que cambiar de modelo que supón novos atrasos”, engadiu.

Tamén houbo problemas coa construtora na Pobra do Brollón para a que o convenio está asinado dende o 2018; pero, despois de varios anuncios de inicio da obra e cun macrocartel xigante incluído, está paralizada”.

Castiñeira nomeou tamén o caso de Cervantes onde prometeron a residencia antes das eleccións, asinaron o convenio no 2019, pero non hai nada e os veciños están preocupados porque nin saben onde se vai ubicar. En Navia e Ribas de Sil están construída, pero pechada. A residencia de Becerreá non ten cociña nin transformador e, polo tanto, non funciona. Pasan as herbas por riba dela. Da de Ourol non sabemos nada; no Courel e en Ferreira de Pantón, dende que se firmaron os convenios no 2018 e no 2021, non hai un ladrillo posto”.

“Nas residencias que están feitas -porque llas fixeron- coma Castroverde ou Meira, non funciona o centro de día a pesar das demandas dos veciños e as nosas reclamacións”. O popular explica que “non cumpre cos alcaldes do PSOE” e, polo tanto, dubida que “cumpra cos Concellos que leva achicando estes 3 anos”.

O popular aportou algunhas cifras: “a Deputación a día de hoxe está dando servizo a 232 usuarios; mentres que a Xunta dispón de 1600 prazas entre residencias propias e prazas concertadas máis centos de libranzas en centros municipais e da Deputación”. De feito, “87 usuarios reciben libranzas da Xunta para custear a residencia da Deputación o que supón 54.000 euros ao mes. Os Concellos pagan 2,5 millóns de euros ao ano e a Deputación preto de 3. É dicir, dirixe un 3% do orzamento a atender ao 2% da poboación maior de 65 anos”.

Castiñeira insistiu durante o debate que “o PP está orgulloso da rede de residencias da Deputación de Lugo”, pero advertiu que “hai cousas que non están ben. O goberno provincial ten que saber que, como oposición, estamos fiscalizando a súa xestión e que lle diremos as cousas que hai que mellorar”.

Falta de respecto de Tomé
Por outra banda, o popular afeou ao presidente da Deputación “a falta de respecto que supón chamarme profesional da mentira”. Castiñeira sinala que se debe a que “debe ter orde de insultar ao contrario”, pero cre que “no debate o presidente debería ter outra cara diferente”.

Exit mobile version