O Executivo abonou este ano máis de 237.000 euros dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, permitindo intensificar as actuacións municipais contra a violencia de xénero
Lugo, 28 de setembro de 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, valorou positivamente o investimento de máis de 1 millón de euros que o Goberno transferiu, nos últimos 5 anos, aos concellos da provincia de Lugo para a loita contra a violencia de xénero. Rodríguez subliñou que a loita contra a violencia de xénero é unha prioridade absoluta para o Goberno, como demostra que devolvera aos concellos, a administración máis próxima aos cidadáns, as competencias en materia de igualdade e de violencia de xénero, acompañada da transferencia de recursos económicos para que poidan desenvolver políticas que protexan ás mulleres.
O Goberno abonou este ano máis de 237.000 euros dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero aos concellos da provincia, “permitindo intensificar as actuacións municipais contra a violencia de xénero e seguir prestando uns servizos fundamentais de información, concienciación e protección das vítimas na provincia”, remarcou Rodríguez durante a Comisión técnica de coordinación en materia de violencia de xénero que tivo lugar na Subdelegación do Goberno e na que participaron a Xefa da Unidade de Violencia de Xénero, María Luisa Castro, e representantes da Policía Nacional, a Garda Civil, os Centros Penitenciarios de Bonxe e Monterroso, do Servizo de xestión de Penas e do sistema Viogén.
A subdelegada demandou a todas as institucións e cidadáns lucenses “a traballar xuntos para erradicar a violencia de xénero, un problema que segue moi presente na sociedade, como o demostran os 604 casos activos que ten rexistrados na provincia de Lugo o sistema Viogen de protección das vítimas”. Concretamente, na provincia non hai casos catalogados de risco extremo, pero si hai 5 de risco alto, 95 que son de risco medio, 261 de risco baixo e 243 de risco non apreciado.
Nesta liña, Isabel Rodríguez amosou a súa repulsa e condena ante os asasinatos machistas acontecidos nos últimos días en España. Coa confirmación destes casos, o número de mulleres asasinadas por violencia de xénero en España ascende a 33 en 2022 e a 1.163 desde 2003, cando se empezaron a recompilar datos.
Sistema Viogén
A normativa establece que recibirán unha achega adicional os concellos que estean adheridos ao Sistema de Seguemento Integral de Violencia de Xénero (Viogén), xa que se reserva para este fin unha parte do fondo estatal. Estes posibles remanentes serán distribuidos proporcionalmente entre todos os municipios que participen no Viogén. Na provincia de Lugo están adheridos a este sistema os Concellos de Vilalba, Ribadeo, Burela, Viveiro e Chantada, coa incorporación das respectivas policías locais no Sistema de Seguemento Integral dos Casos de Violencia de Xénero.
O Sistema Viogén creouno no 2007 a Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior co obxectivo de aglutinar ás diferentes institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero, integrando toda a información de interese, para realizar un seguimento e protección das vítimas máis rápido a través do Subsistema de notificacións automatizadas, cando se detecte alguna incidencia ou acontecemento que poida poñer en perigo a integridade da vítima.