O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a escola infantil de Foz, que pertence á rede de centros públicos autonómicos e ofrece 53 prazas nas distintas aulas de 0 a 3 anos.
Neste arranque de curso, Arias explicou que a gratuidade do servizo beneficia no conxunto da provincia a máis de 3300 nenos e nenas e supón un aforro para as familias de entre 1500 e 2000 euros.
A Xunta garante asistencia gratuíta por un máximo de oito horas ao día en todos os centros, independentemente da súa titularidade, ben sexan públicos (tanto autonómicos como municipais) ou privados, o que permite que as familias escollan a escola que mellor se adapte ás súas necesidades.
Arias subliñou que o obxectivo do Goberno galego é facilitar ao máximo a conciliación das familias en todo o territorio; ao respecto, lembrou que xa hai anos que se puxeron en marcha as casas niño como servizo gratuíto para as familias que residen en contornas rurais.
Desde o ano 2016, na provincia de Lugo puxéronse en marcha 115 prazas de atención nos concellos do rural a través das casas niño. Estes centros xa eran gratuítos para todos os nenos. Así mesmo, o delegado sinalou que coa gratuidade das escolas infantís “Galicia sitúase á vangarda da atención nesta etapa educativa, que non ten carácter obrigatorio”, afirmou o delegado.