Os veciños e veciñas poden asinar na entrada do concello o ‘Manifesto pola pesca, o marisqueo, a acuicultura e a cadea mar-industria europeas’
Viveiro, 26 de setembro de 2022. O grupo de goberno do Concello de Viveiro levará ao pleno municipal do 4 de outubro unha moción en apoio do Porto de Celeiro e en contra da nova regulación prevista para a pesca de fondo por parte da Comisión Europa.
O concello quere manifestar o seu total apoio ao Porto de Celeiro e pide aos veciños e veciñas que asinen na entrada da casa consistorial o ‘Manifesto pola pesca, o marisqueo, a acuicultura e a cadea mar-industria europeas’.
“O sector pesqueiro español e do resto de países afectados están en serio perigo, e o concello apoia todas as reivindicacións do Porto de Celeiro; o goberno central e a Xunta deben presionar para esixir un cambio de postura inmediato en Bruxelas”, sostén María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
De non paralizarse a entrada en vigor do regulamento comunitario en pouco máis de dúas semanas, o sector pesqueiro veríase abocado a unha crise e un grave problema sen precedentes.
O sector considera que “as reformas que a Comisión Europea quere impoñer, de forma pouco clara e transparente, non contaron co sector, nin con datos científicos, nin con estudos que aconsellen a adopción destas medidas”.
“Desde o concello tomaremos e impulsaremos todas aquelas medidas que nos pida o sector, non podemos permanecer calados ante un grave ataque como este”, engade a alcaldesa.