Lugo, 27 de setembro, 2022. O Concello de Viveiro e a ACD Penalba recolleron hoxe, Día Mundial do Turismo, o premio á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia de Lugo para a Festa da Merluza do Pincho de Celeiro. Concretamente, esta tradición viveirense recibiu o galardón na categoría ‘…E para comer, Lugo’ á gastronomía lucense.
Asistiron ao acto celebrado en Lugo a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; o tenente de alcalde, Jesús Fernández; a concelleira de Turismo, Marisol Rey, e Juan Canoura, presidente da Asociación Cultural e Deportiva Penalba.
A candidatura desta festa fora presentada polo propio Concello de Viveiro, co obxectivo de aumentar o recoñecemento da celebración. “Este premio confirma de novo a relevancia da Festa da Merluza do Pincho de Celeiro, consolidada como un atractivo turístico e gastronómico a nivel galego”, sinala María Loureiro.
A Festa da Merluza do Pincho de Celeiro pon en valor a este produto, pescado artesanalmente polos barcos locais. Durante a celebración, prepáranse uns 800 kg de merluza que se degustan en distintas elaboracións. Ademais, o Concello de Viveiro colabora coa organización da festa.
“Agradecemos o esforzo dos veciños e veciñas, especialmente de Celeiro, e das entidades que colaboran nesta festa cada ano, en especial á ACD Penalba de Celeiro, impulsora da festa, cuxo traballo permite obter este tipo de recoñecementos”, finaliza a rexedora.