Neste momento estase a tramitar un convenio entre a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro para realizar diversas actuacións de mellora no Campo de Lavandeiras. Entre estas actuacións inclúense a dotación de vestiarios e banquillos, así como os traballos necesarios para garantir o abastecemento eléctrico en todo o campo para a súa actividade deportiva habitual. Dende o Concello recalcan que esta é unha cuestión que a voceira do BNG debería coñecer, tendo en conta que estaba presente na reunión que este concello mantivo co Deputado Provincial de Deportes.
Polo tanto, o Campo de Lavandeiras xa conta coa infraestrutura básica (torretas de iluminación, canalización, ente outras facilidades), estando simplemente pendente da súa adaptación e alta para as actividades deportivas.
Neste sentido, o único que fai a organización do Resurrection Fest é contratar e instalar para eses días o cadro eléctrico coa potencia que necesitan para un festival destas características. Dita potencia é, evidentemente, moitísimo superior á que se precisa para a actividade deportiva que se desenvolve no campo de forma habitual e que se instalará en virtude do convenio referido, xa que non ten sentido deixar un cadro con esa potencia para todo o ano.
Dende o Concello explícase que pode ser positivo que a voceira do BNG realice propostas á organización do Resurrection Fest co obxectivo de mellorar esta instalación, pero antes debería informarse dos convenios e melloras previstas.