O edil nacionalista subliñou que “Ribadeo amósase como un destino sorprendente e altamente valorado, que ofrece un amplo abano de recursos e actividades de calidade que sorprende ao visitante, favorecendo a prolongación da súa estadía no Concello. Unha das grandes fortalezas deste destino turístico, ademais do seu patrimonio natural e cultural, é a gran variedade de actividades tanto culturais como deportivas, ou do ámbito turístico, adaptadas e atractivas para todas as franxas de idade. Un ano máis, comprobamos de primeira man o foco de atracción das empresas de turismo activo que ofrecen experiencias diferentes en contacto coa natureza”.
Vizoso Galdo dixo que “constatado o éxito obtido polas visitas guiadas nos anos precedentes, a Área de Turismo ampliou a oferta das mesmas, en concreto as teatralizadas, que mostraron o patrimonio tanto do casco antigo como do interior do municipio dun xeito distendido e moi atractivo para todo tipo de público. Mais para Ribadeo, a época estival non remata a finais de agosto, e por iso, o Concello de Ribadeo vén de pór en marcha a segunda edición de “SetembroXNatural”, que ten como obxectivo ofrecer un destino vacacional tranquilo e con encanto no que gozar de diversas propostas en fermosos entornos naturais (ría de Ribadeo, rasa costeira, praias, etc…) a través da man de distintas empresas e profesionais, ademais de desestacionalizar o turismo e favorecer que a tempada alta se alongue”.
Ribadeo mantén a súa fortaleza como destino turístico con 52.756 viaxeiros este verán, durante os meses de xullo e agosto. O concelleiro de Turismo indicou que “a oficina de turismo da vila abriu durante todos días do mes en horario de mañá e de tarde contabilizando un total de 9.529 viaxeiros. O día de maior afluencia foi o 17 de agosto con 408 persoas. O punto de información turística da praia das Catedrais rexistrou un total de 16.727 consultas, sendo o día de maior afluencia o 18 de agosto con 706. Debemos resaltar que as entradas ao areal esgotáronse practicamente todos os días do mes”.
Sobre as pernoctacións Pablo Vizoso dixo que “segue a tendencia á alza das persoas que pernoctan en Ribadeo. Así, despois de facer unha sondaxe entre os establecementos hoteleiros do concello, a ocupación neste mes de agosto estivo a piques de acadar o 95%”.
O concelleiro de Turismo seguiu a relatar que “no tocante ao turismo de procedencia estatal, Madrid segue a ser o principal emisor con 9.562 persoas entre as dúas oficinas xunto con Cataluña, Euskadi e Andalucía. Sendo Castela e león, Comunidade Valenciana e Galicia as seguintes comunidades emisoras. Destes datos podemos concluír que a praia de as Catedrais segue a ter moito tirón entre os galegos e galegas. Con respecto ao turismo internacional, destacamos un importantísimo ascenso, representando un 16% do total das visitas, debido en gran parte á internacionalización do Monumento Natural Praia de As Catedrais, ao Camiño Norte de Santiago e ao porto deportivo. Francia, Italia, Alemaña e Portugal son as principais procedencias, percibíndose cada vez máis unha ampliación dos lugares de orixe dos viaxeiros, rexistrándose chegadas de Taiwan, India, Romanía, Colombia ou Porto Rico”.
Vizoso Galdo engadiu que “case unha corentena de grupos solicitaron información nas nosas oficinas durante este mes. Trátase dun dato relevante, mellorando as cifras de anos anteriores, pois este nicho fora fortemente afectado pola situación sanitaria. Tamén temos que destacar o Camiño de Santiago. Bastóns e mochilas seguen sendo una das imaxes características das rúas da vila, este concello é moi consciente do poder deste itinerario milenario, chave de internacionalización no noso destino turístico. Así, seguimos a traballar para potenciar este Camiño, patrimonio da Humanidade, e vimos de ampliar o catálogo de produtos e servizos de interese para o peregrino, Ribadeo, prepara o teu camiño. Así, con este catálogo bríndalle ao peregrino todo o necesario para planificar e iniciar a ruta (tendas de deportes, adquisición de credenciais, guías do camiño en Galicia, etc.); ou ben facer unha pequena parada no camiño e relaxarse gozando dunha ampla oferta de servizos (farmacias, clínicas podolóxicas, centros de fisioterapia, lavanderías, talleres de reparación de bicicletas) complementados por unha gastronomía local de calidade”.
Pablo Vizoso tivo tamén palabras de agradecemento: “para o traballo realizado polo persoal das oficinas de turismo, así como ao sector privado polo esforzo que leva realizando todos estes meses, pois entre todos e todas contribuímos a acadar un destino turístico de vangarda”.