Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Ribadeo amaña as fochancas nos camiños das parroquias

Ribadeo, 6 de setembro de 2022. O Concello acomete estes días tarefas de rebacheo en diferentes camiños das parroquias da costa e do interior. O investimento ascenderá a 47.000 euros de fondos propios e o prazo de execución será dun mes, segundo deu a coñecer hoxe o concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil.

O edil ribadense contou que “aproveitando este bo tempo estamos nestes días executando unha serie de accións de mantemento da extensa rede de camiños municipais en todas as parroquias de Ribadeo. Sabemos que un concello tan grande coma o noso, con tantas parroquias, tanto da costa como do interior, necesita unha continua inversión en mantemento e mellora”.

Marcos Villamil dixo: “somos conscientes de que levamos amañado moitos quilómetros de viarios nestes últimos anos, pero aínda quedan moitos máis por facer. Mentres o aglomerado asfáltico non poida chegar a todos os sitios, debemos garantir que o firme teña condicións de seguridade para os vehículos que os transitan. Así que contratamos o rebacheo dos camiños municipais de todas as parroquias para manter a rede viaria municipal con unhas condicións aceptables”.

O concelleiro de Medio Rural explicou que “a empresa adxudicataria é Deymet, o prezo do contrato ascende a 47.000 euros, que saen dos fondos propios municipais, e o prazo máximo de execución destas obras é dun mes”.

Villamil pediu disculpas polas molestias que estas obras poidan ocasionar na circulación: “pedimos desculpas e comprensión polas molestias e posibles retencións de tráfico nalgúns puntos, aínda que isto faise necesaria para poder logo transitar con seguridade”.

Exit mobile version