A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “coa chegada do outono a programación cultural de Foz muda de espazos pero continúa o seu camiñar. As obras da Sala Bahía obrigarán a centrar toda a programación no Salón de Actos da Casa da Cultura. O mes de outubro está dedicado ao teatro. Como ven sendo habitual en Foz, durante todos os venres do mes de outubro, a excepción do xoves 20, unha representación teatral de compañías de máximo nivel encherá o escenario da Casa da Cultura. Este ano o ciclo está denominado Emocións e “todas as obras que veremos afondan nos sentimentos e emocións das persoas, dende a incomunicación e a soidade, o sentimento de fracaso, a necesidade de compaña, os sentires de tres mentalidades distintas que coinciden na vida …”. O ciclo comezará o venres 7 e todas as obras coinciden no horario e lugar: ás 20.30 horas na Casa da Cultura. A primeira, o venres 7, será Conexión pingüín, da compañía A Feroz. O día 14 chegará Illas desertas, da compañía Artesa Cía. O xoves 20 representarase Sós, de Malasombra producións. E finalmente o ciclo rematará o venres 28 de outubro con Gloria Nacional, de Teatro do Noroeste”.
Pero no mes de outubro tamén haberá actividades para os máis pequenos. Para celebrar o Día das Bibliotecas o luns 24 ás 19.00 horas na Casa da Cultura poderase desfrutar de Cantacontos, de Migallas.
O mércores 26 representarase dentro do ciclo Lendas do Camiño Norte a obra O Bispo Santo contra os Normandos, da compañía Mircromina. Unha tarde completa de actividades na Casa da Cultura a partir das 17.00 horas con obradoiro de monicreques e teatro.
O mes de novembro continúa o teatro infantil e adulto. O domingo 6 ás 12.00 horas chegará Ninja, de Ghazafellos, para público a partir de 5 anos. O sábado 12 Migallas volverá con Petiscos de lingua; e o xoves 17 ás 19.00 horas La vuelta al mundo en 80 días, de Fantastique Company aterrará en Foz.
O teatro adulto estará centrado nas mulleres e o seu papel. O día 11 de novembro ás 20.30 horas Feminíssimas, da compañía De ste Xeito Producións contaranos as tres maneiras que teñen de entender o feminismo tres amigas. E como novidade o 25 de novembro ás 20.30 horas estrease en Foz Papagena, unha ópera da compañía Butaca Cero que conta a relación tóxica que mantén unha muller que se emparella co Papageno.
Finalmente o sábado 26 de novembro a Banda de Música de Foz realizará o seu tradicional concerto de Santa Icía.
Dende a Concellería de Cultura animan a achegarse á Casa da Cultura “tanto pequenos coma maiores, para desfrutar do teatro, da lectura, dos obradoiros e da música. Foz continúa a esforzarse en achegar unha selección das mellores pezas teatrais de Galicia e tamén novidades en ópera non tan habituais ou cultura local coma as representacións de Mircromina ou a música da nosa Banda”, finaliza Inés López.