Esta actividade foi presentada polo concelleiro focego de Turismo, Chema Linares, quen comentou: “que mellor escenario que unha xoia do románico para continuar cunha iniciativa que xa empezaramos o ano pasado. Trátase de realizar charlas, conferencias ou ben outras actividades entorno a esta temática do románico. Temos un rico patrimonio na provincia e tamén na Mariña, moitas veces descoñecido e que merece destacar e achegarnos así unha rama do coñecemento, o arte, moitas veces esquecida. Contamos así, con docentes, historiadores e investigadores que nos darán a coñecer desde diversas ópticas os diferentes aspectos deste patrimonio. Dous obxectivos impulsan esta iniciativa: por unha parte, o coñecemento á par que promocionamos a nosa Basílica; e impulsar o Camiño do Mar, hoxe recoñecido pola Igrexa”.
Carolina Casal Chico é licenciada en Historia da Arte é Museóloga, Xestora cultural, investigadora e docente. Actualmente é docente externa na Universidade de Santiago de Compostela, no Campus de Lugo, nos Cursos ensinanza regrada: IV Ciclo Universitario. Profesora nas materias de Historia da Arte e Iconografía, seminarios monográficos e o proxecto Camiños de Coñecemento e Experiencia provincia de Lugo e Ourense.
Foi museóloga no Museo Diocesano Catedralicio de Lugo do 2012 ó 2018; historiadora na restauración da Igrexa Parroquial de San Pedro de Lugo, o Retablo da Nosa Señora do Carme, na igrexa de Santiago de Rubiás, nos Mixtos e O Pórtico da Gloria da catedral de Ourense, entre outros proxectos. Tamén foi consultora cultural, administradora e directora de proxectos na empresa Ars media, onde desenvolveu proxectos como a reconstrución en 3D da Capela de San Miguel de Celanova ou a publicación Rudesindus, centrada na figura do Bispo San Rosendo. Na súa labor de investigadora dende o ano 2003 ata a actualidade participou en mais de 40 proxectos, artigos e publicacións, destacando a da guía La Real Abadía de Samos. Un viaje a la espiritualidad del arte.
Carolina Casal falará en San Martiño acerca dos ciclos pictóricos no Camiño do Mar, a serie de representacións que lidas xuntas dan un contexto á unha obra concreta. Moitos templos no Camiño do Mar teñen representación pictórica no seu interior, con temáticas relixiosas e nalgúns casos incluso marítimas. A elas achegarase nesta charla o día 30 de setembro a partir das 20:00 horas na sala multiusos do Centro de Interpretación da Basílica.
María Dolores Barral Rivadulla é profesora titular de Historia da Arte Antiga e Medieval no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela. Pertence ao grupo de investigación GI-1907. Iacobus. Proyectos y estudios sobre patrimonio cultural, dentro do cal desenvolve os seus traballos de investigación. No ámbito universitario dirixiu diversas teses doutorais e organizou diferentes seminarios e cursos de verán da Universidade de Santiago en relación co achegamento ao Patrimonio Cultural, como as catro edicións (2014-2018) do titulado xenericamente Arte, Historia, Xeografía e Cultura na comarca do Salnés. No campo profesional realizou o estudo histórico-artístico previo á intervención arquitectónica da igrexa de Santo Domingo, da Coruña (1995); á restauración, rehabilitación e reutilización do conxunto mosteiral de Santa María de San Clodio, do Ribeiro de Avia (Ourense) (1996). Formou parte do equipo de traballo que desenvolve o plan director do castro de Elviña (2001) e tamén do equipo Crecente Asociados como colaborada no proxecto Informe preliminar y Plan director de Santa Catalina de Montefaro (2008).
En Foz Dolores Barral falará da diocese mindoniense no Medievo o día 7 de outubro na sala multiusos do Centro de Interpretación de San Martiño de Mondoñedo. Dentro desta conferencia tratarase de facer unha viaxe a vista de paxaro sobre as principais manifestacións artísticas vinculadas á diocese de Mondoñedo-Ferrol (sobre todo no entorno da Mariña lucense) desde un punto de vista patrimonial, co fin de atender e valorar todos os testemuños históricos e artísticos dunha das dioceses máis descoñecidas de Galicia.