O integrante do club Iadovi competirá na modalidade de Arco Desnudo nesta cita deportiva que terá lugar do 3 ao 9 de outubro en Yankton (USA)
Cervo, 28 de setembro de 20122. O Concello de Cervo apoia ao arqueiro Santi González Villares que logrou, logo dunha tempada vertixinosa, ser seleccionado para representar a España no Campionato do Mundo de Tiro con Arco en Campo que se celebrará do 3 ao 9 de outubro en Yankton (USA).
O arqueiro, integrante do club Iadovi, competirá, xunto con outros dous compañeiros, na modalidade de Arco Espido, tal e como lle anunciaron desde a Comisión de Alta Competición da RFETA, tralos resultados do clasificatorio final celebrado os días 27 e 28 de agosto en Salamanca.
A delegación española estará formada por unha vintena de deportistas que competirán nas distintas modalidades.
O delegado de Deportes, David Rodríguez, e a tenente-alcalde, Dolores García Caramés, recibiron ao arqueiro para desexarlle sorte nesta fazaña e comprometeron todo o apoio da administración local que sufragará os custes da súa participación “nunha competición de alcance internacional que sitúa a Cervo como epicentro desta disciplina a nivel estatal”.
Rodríguez quixo darlle os parabéns “pola incrible tempada que vén de realizar, cuxo colofón é poder competir coa selección española no campionato do Mundo e animouno a desfrutar dunha experiencia única “que moi poucos deportistas conseguen facer realidade”.
O arqueiro Santi González Villares é integrante do club Iadovi desde hai catro anos, cando comezou a practicar este deporte.