Todos os veciños e veciñas poderanse achegar ao consistorio para asinar o manifesto pola pesca, o marisqueo, a acuicultura e a cadea mar-industria
O alcalde, Alfredo Llano, anunciou esta mañá que “poñemos a disposición de toda a veciñanza un manifesto pola pesca, o marisqueo, a acuicultura e a cadea mar-industria europeas como rexeitamento das medidas anunciadas da prohibición da pesca de fondo”, co obxectivo de “facer presión e forzar un cambio de postura inmediato”.
As vedas á pesca traerán consecuencias negativas e mesmo letais para arredor de 200 barcos de capital galego, afectando a outros 800 debido ao desprazamento do labor pesqueiro e á sobrecarga de moitas outras zonas. A norma traerá consigo a perda de caladoiros para as frotas de palangre, enmalle e arrastre, cun evidente prexuízo económico, supoñendo tamén un retroceso na práctica diaria co consecuente aumento de traballo para as tripulacións e os custos operativos para os buques.
O regulamento inclúe ademais elementos de dubidoso sustento legal e científico na opinión maioritaria do sector e de xuristas de recoñecido prestixio, efectuándose a súa tramitación con escasa consulta e transparencia.
“Queremos acadar todo o apoio cidadán posible para paralizar a entrada en vigor do regulamento, pois do contrario, o sector terá que facer fronte a unha crise sen precedentes”, afirmou Llano, facendo fincapé “na importancia da mobilización social, a presión institucional e a unión de todos os axentes implicados e afectados”.