Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello clausura unha nova edición do programa Cervo Concilia no que participaron máis de 125 pequen@s

Teatro, inchables, actividades acuáticas ou rutas de sendeirismo foron algunhas das múltiples iniciativas que completaron a axenda deste programa consolidado nas vacacións escolares das crianzas “pensado para facilitar a conciliación das familias”

Cervo, 8 setembro de 2022. O Concello de Cervo vén de clausurar unha nova edición do programa Cervo Concilia, que se desenvolveu ao longo do verán ata o inicio do novo curso escolar, no que participaron máis de 125 nenos e nenas.

O rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Educación, Dolores García Caramés, acompañaron aos rapaces na gran festa final que tivo lugar no auditorio da Casa da Cultura.

O programa Cervo Concilia, que é xa un clásico do verán cervense, está dirixido aos rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos que puideron desfrutar de actividades ben diferentes como teatro, ioga, paddle surf, kaiak, rutas de sendeirismo…

Tal e como precisou Villares “o obxectivo principal deste programa é o de facilitarlle a conciliación familiar a todos os pais e nais durante unha época tan complicada como o verán; redobramos esforzos e conseguimos o obxectivo de poder ofertar o servizo ao 100% das familias cervenses que quixeron participar”.

Pola súa banda, Caramés, quixo agradecer ao equipo humano formado por 10 monitores/as e 6 voluntarios/as a súa entrega e dedicación durante estes meses “realizando un traballo impecable cos nenos/as que aprenderon, desfrutaron e compartiron momentos inesquecibles entre amigos”.

Exit mobile version