O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria recibiu esta semana na Cidade da Cultura aos participantes desta escola internacional de verán
En concreto, matriculáronse na iniciativa 27 persoas dun total de 11 países: España, Suíza, Alemaña, Francia, Eslovenia, Hungría, Austria, Portugal, Italia, Brasil e India. En pequenos grupos e da man de expertos internacionais e produtores agroecolóxicos, terán a oportunidade de investigar en profundidade os retos e desafíos dos sistemas de produción locais existentes e como a cadea alimentaria está conectada coa agrobiodiversidade.
Así, as sesións teóricas desenvolveranse no CFEA de Ribadeo e no Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (Cispac). A maiores, e deica o próximo sábado 10 de setembro, están programadas diversas visitas a casos prácticos, sobre os que os alumnos terán que traballar. Nomeadamente, a explotacións de Laíño (Dodro), Baroña (Porto do Son), As Fadegas (Ribadeo), Arqueixal (Palas de Rei), Fabas de Lourenzá (Lourenzá), El Cabillón (Tapia de Casariego) e Ostras del Eo (Castropol)·
A iniciativa
A Agrobiodiversity Summer School é unha colaboración entre o grupo de investigación ZHAW Geography of Food, o Swiss Research Institute of Organic Agriculture (FiBL), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) -a través do grupo de investigación de historia agraria e política do mundo (Histagra)-, o Cispac e institutos de investigación de Eslovenia e Hungría, nos que terá lugar o curso os próximos anos.
A agrobiodiversidade inclúe a diversidade de cultivos e especies e variedades gandeiras, a diversidade de sistemas de produción e abastecemento de alimentos, así como as diferentes prácticas e intensidades agrícolas e a biodiversidade que apoia indirectamente a agricultura mediante a provisión de servizos ecosistémicos. Polo tanto, a agrobiodiversidade é esencial para os manexos da terra adaptados localmente e resilientes en todo o mundo e, en última instancia, contribúe á consecución de varios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).