A frente nacionalista reclama “atopar a posibilidade de achegar esa axuda económica por outra vía” ante a negativa do Ministerio de Turismo de empregar os fondos do Plan Turístico Xacobeo
“É necesaria unha intervención e unha reparación urxente nesta zona do mosteiro e o Goberno do Estado debe facelo de maneira inmediata” explica o deputado do BNG no Congreso após recibir a resposta do Ministerio de Turismo. Nesta, o executivo estatal comunica que o mosteiro de San Salvador de Lourenzá non entrará dentro do Plan Xacobeo 2021-2020 alegando que unha parte do mosteiro non é de titularidade pública.
Mais a frente nacionalista sinala que este inmóbel reúne o resto de condicións materiais para que se rehabilite máis, se cabe, cando se conta cunha cesión da titularidade en favor dunha Administración Pública. O feito é que se iniciaron os trámites para a sinatura dun convenio de cesión demanial da zona a rehabilitar ao Concello de Lourenzá por parte da Igrexa porque dentro do programa do Ministerio, recollíase o compromiso de, a través dos fondos Next Generation EU, investir un total de 2 millóns de euros no mosteiro de San Salvador de Lourenzá.
Dita cesión non chegou a efectivizarse despois de que o Ministerio negase a posibilidade de realizar o investimento anunciado pola titularidade do ben. “Non se entende que o Ministerio deixe de lado a negociación do convenio de cesión” subliña Rego.
Por iso, o deputado nacionalista apunta que, se o Ministerio descarta as actuacións de rehabilitación a través do Plan Turístico Xacobeo, a Administración estatal “debe atopar a posibilidade de achegar esa axuda económica por outra vía” e atopar a mellor fórmula coa que desenvolver esa intervención. Unha das posibilidades atópase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que, no seu compoñente 14, prevé instrumentos para a rehabilitación do patrimonio histórico de uso turístico por valor de até 500 millóns para o trienio 2021-2023.
Cabe lembrar que a Xunta de Galiza, após varias iniciativas do BNG rexistradas no Parlamento galego, está a realizar actuacións de rehabilitación na parte sur do mosteiro. Neste sentido, o deputado do BNG sinala que sería o momento preciso para comezar as obras de restauración e rehabilitación na parte norte do inmóbel. “É notábel o deplorábel estado de conservación que presentan os claustros e as transversais do propio edificio que impiden que poidan ser utilizadas pola pouca seguranza que presentan se non existe unha intervención” conclúe Rego