Burela, 25 de setembro de 2022. O BNG pedirá no vindeiro pleno provincial que os gobernos do Estado e da Xunta inicien de inmediato os procedementos contra a decisión da Comisión Europea de prohibir as actividades pesqueiras que impliquen contacto co fondo do mar en 87 zonas de pesca entre o Golfo de Cádiz e a zona norte de Gran Sol.
Será a través dunha moción que incide nas nefastas consecuencias para a frota galega e mariñá dunha medida “desproporcionada, pouco fundamentada e que se aplica de xeito indiscriminado a todas as artes e frotas”, e que lembra que “o sector xa está sometido a unha estrita regulación e control e que xa non ten permitido pescar en zonas de ecosistemas vulnerables”.
A deputada nacionalista e responsable de Medio Rural e do Mar no goberno provincial, Mónica Freire, sinalou que “as administracións locais debemos ser activas na defensa do sector e procurar unha actuación rápida e eficaz dos gobernos do Estado e da Xunta contra esta decisión da Comisión Europea”. Freire afirmou que “os acordos que se voten e adopten pola corporación provincial deberían ser refrendados e defendidos polos partidos políticos tamén alí onde teñen as competencias para executalos”.
“A aplicación destas medidas afectaría a moitos barcos de Celeiro e Burela que se dedican ao pincho, ao arrastre e á volanta. Se a pesca é un puntal da economía galega e do emprego, na provincia de Lugo e na Mariña aínda o é moito máis pola actividade que xeran os portos de Celeiro e Burela, e máxime no actual contexto de crise industrial e de emprego que atravesa esta comarca”, apuntou en Burela, onde mantivo un encontro co responsable comarcal do BNG na Mariña, Antonio Veiga, e concelleiros e concelleiras do BNG en diferentes municipios da comarca.
O BNG presentará tamén a moción en defensa do sector pequeiro nos concellos mariñaos do litoral.